A Xunta destaca en Pontevedra que o Plan Emprega Muller está dotado con 34,3 M€ para impulsar a igualdade de oportunidades en Galicia

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe na xornada Muller e traballo autónomo cara á igualdade, organizada pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia)

A iniciativa inclúe a posta en marcha de oito programas, cinco de nova creación, para incrementar as oportunidades laborais entre as mulleres

Toca sinala a aposta da Xunta pola conciliación e a corresponsabilidade real no fogar, un eido ao que a Consellería destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021

Lembra que o Goberno galego traballa nun nova certificación para distinguir ás empresas galegas comprometidas coa igualdade e que a nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes dedica un capítulo enteiro ao benestar laboral nas empresas

Pontevedra, 30 de marzo de 2022

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, destacou hoxe na xornada Muller e traballo autónomo cara á igualdade, organizada en Pontevedra pola Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE-Galicia), que a Xunta está a executar o Plan Emprega Muller dotado con 34,3 millóns de euros para 2022 co obxectivo de impulsar en Galicia a igualdade de oportunidades. A iniciativa inclúe ata oito programas, cinco de nova creación, para incrementar as oportunidades laborais entre as mulleres galegas.

As cinco novas actuacións inclúen accións para a mellora das capacidades dixitais para mulleres residentes no medio rural destinado ao reforzo das competencias dixitais e a cualificación profesional; programas integrados de emprego exclusivos para mulleres, que se desenvolverán en colaboración coas entidades locais e coas entidades sen ánimo de lucro, para a mellora da ocupabilidade e da inserción laboral; unidades formativas en empresas en sectores con subrepresentación feminina para financiar o 100% da formación que se imparte, apoiando ao mesmo tempo ás empresas nas contratacións; o programa Muller 22 para facilitar e apoiar ao longo do 2022 a incorporación de 1.000 mulleres no mercado laboral, contando para iso cun incentivo de 6.000 euros por contratación; e a iniciativa Relevo Xeracional Empresa Muller que ten por finalidade favorecer a substitución nos cadros de persoal das empresas, das persoas traballadoras próximas a xubilación, por mulleres.

Así mesmo, continúanse impulsando o programa Son Executiva, de promoción do liderado feminino; Galicia Emprega coa súa liña específica de axudas a mulleres para a súa contratación nas empresas galegas; e Emega co que a Xunta impulsa o emprendemento feminino contribuíndo á creación de novos postos de traballo femininos.

Conciliación e formación

Toca sinalou que as mulleres son un colectivo prioritario para o Goberno galego polo que, ademais, teñen acceso preferente e “un apoio máis intenso” en numerosas convocatorias de renovación anual. A directora xeral puxo ademais en valor os apoios da Consellería de Emprego e Igualdade para a conciliación que este ano acadan máis de 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021, co fin de minimizar as dificultades das mulleres galegas para manterse ou reintegrarse ao mercado laboral.

Referiuse, así mesmo, a que a igualdade é unha prioridade transversal para a Xunta, polo que explicou que están en marcha medidas dirixidas a ofrecer formación en igualdade de oportunidades no ámbito da formación para o emprego. A Administración autonómica conta cun campus virtual de formación en igualdade laboral situando a Galicia como a primeira comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral en modalidade virtual.

Toca, por último, salientou que unha nova certificación, na que traballa o Goberno da Xunta, distinguirá ás empresas galegas comprometidas coa igualdade e que fomenten o benestar laboral entre as persoas traballadoras e lembrou que a nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes dedica un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións para acadar a integración da perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento da calidade no emprego feminino.