Inaugurado o novo centro de día municipal de Riós, que entrará proximamente en funcionamento

A Administración autonómica, a través do Consorcio, achega 248.000 euros ás obras e ao equipamento desta infraestrutura, que tamén conta con financiamento da Deputación Provincial de Ourense e do propio Concello, ata acadar un investimento de 575.000 euros

O novo servizo, que xestionará o Concello, ten capacidade para atender a un máximo de 30 usuarios
 

Riós (Ourense), 30 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia participou hoxe na inauguración do novo centro de día municipal de Riós, que contou cun investimento de máis de 575.000 euros financiados polas Administracións autonómica, provincial e local. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiron a este acto xunto co presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o alcalde orriolense, Francisco Armando Veiga.

A achega feita polo Goberno galego a esta nova infraestrutura para a atención ás persoas maiores ascendeu a 248.000 euros, incluído o equipamento. Este investimento foi froito do convenio de colaboración asinado no seu día entre a Consellería de Política Social, a través do Consorcio, e o Concello de Riós.

O xerente do Consorcio destacou a importancia da colaboración entre as distintas Administracións para “achegar servizos que melloren a calidade de vida e o benestar dos veciños que viven en concellos pequenos”. Neste sentido, subliñou que coa próxima entrada en funcionamento deste centro de día “garántese que os maiores teñan acceso a unha atención e a uns coidados de calidade moi preto das súas casas”.

Sala de rehabilitación e outros espazos


O centro, que xestionará o Concello, ten unha capacidade máxima de 30 prazas e conta cunha superficie superior aos 500 metros cadrados. As instalacións dispoñen de diferentes espazos, como unha sala de rehabilitación, outra para usos polivalentes, unha destinada á atención dos futuros usuarios, zona de comedor e cociña, e outras dependencias comúns.
 

Imaxes relacionadas