Centros escolares da Coruña e Abegondo acolleron a actividade de contacontos sobre galegas referentes

Os CEIPS Alborada, Juan Fernández Latorre e María Pita da Coruña, e o CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo acolleron unha nova sesión de contacontos ilustrados sobre a figura da artista Maruxa Mallo e da oceanógrafa Ángeles Alvariño

O Goberno galego segue a apostar pola formación en igualdade desde idades temperás achegando contacontos ilustrados sobre mulleres que se adiantaron ao seu tempo e serven de referente ás novas xeracións
 

A Coruña, 30 de marzo de 2022

Os CEIPS da Coruña Juan Fernández Latorre, Alborada e María Pita; e o CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo acolleron hoxe unha nova sesión de contacontos ilustrados organizada pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego e Igualdade, sobre as figuras da artista Maruxa Mallo e a oceanógrafa Ángeles Alvariño.

A actividade dirixiuse a alumnos de educación infantil e primaria, co obxectivo de que coñezan e recoñezan figuras de mulleres que tiveron un papel relevante no desenvolvemento da sociedade galega contemporánea para achegarse a súa contribución aos eidos da cultural, social, científico, artístico e político.

A iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade, insírese no programa Donas de si co que o Goberno galego traballa con 65 centros escolares no eido da igualdade. Diríxese ao alumnado de menor idade, das etapas de infantil e primaria, polo que se seleccionaron 35 escolas que imparten estes ciclos.

A escolma de mulleres protagonistas dos contacontos parte da publicación da colección Mulleres Galegas promovida pola Xunta e integrada por cinco biografías: a da mestra e pedagoga Ernestina Otero; a da oceanógrafa, Ángeles Alvariño; a da artista Maruja Mallo; a da editora María Victoria Moreno; e a da mestra e inventora, Ángeles Ruiz Robles. Trátase de libros de pequeno formato nos que xa traballan os centros e que ademais da traxectoria vital das protagonistas inclúen actividades para traballar na aula.

A Xunta ofrece como novidade o servizo de contacontos ilustrado sobre esta colección que se desenvolverá nos próximos trimestres por toda Galicia.

Imaxes relacionadas