O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do municipio, Juan Pablo Castillo, visitaron hoxe o centro

A Xunta financiará obras de mellora na escola infantil de Covelo por valor de 16.000 euros

Renovarase o chan das aulas, da sala de usos múltiples e da zona de sono para mellorar as condicións de illamento; e colocarase un toldo exterior

Os traballos desenvolveranse durante o verán para non afectar ao normal funcionamento do centro

Covelo (Pontevedra), 30 de marzo de 2022

A Xunta financiará obras de mellora na escola infantil de Covelo, pertencente á rede pública autonómica, por un valor estimado de 16.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe este centro acompañado do alcalde do municipio pontevedrés, Juan Pablo Castillo.

Perfecto Rodríguez explicou que entre as actuacións propostas está a mellora do chan nas aulas, na sala de usos múltiples e na zona de sono onde están os berces dos máis pequenos. A intención é substituír o chan actual por pavimentos flotantes de PVC continuos, co fin de mellorar as condicións de illamento.

Outras intervencións programadas no centro son a renovación das portas de aluminio interiores que dividen a aula de usos múltiples e a colocación dun toldo no exterior que permitirá a utilización deste espazo durante todo o ano. Así mesmo, melloraranse a sinalización e os elementos de emerxencia, eliminaranse pequenas humidades en paredes e colocaranse novas proteccións no mobiliario.

Todas as obras desenvolveranse ao longo do mes de verán, aproveitando o peche do centro. A necesidade destes traballos foi previamente acordada coa comunidade educativa e contarán coa supervisión técnica do Consorcio e do Concello, que se encargará de executalos. O ente autonómico financiará o 100% das melloras mediante a compensación das liquidacións que corresponden abonar á Administración local por este servizo público.

Gratuidade

Na actualidade a escola infantil de Covelo presta servizo ás familias dunha vintena de nenas e nenos de 0 a 3 anos e dispón de dúas unidades en funcionamento. A partir do curso 2022-2023 a atención educativa neste centro será de balde para todos os nenos, xa que o Goberno galego decidiu estender tamén aos primoxénitos a gratuidade da que desde abril de 2020 xa desfrutaban os segundos fillos e sucesivos.

Así, o vindeiro curso a Xunta aplicará a gratuidade xeral da educación infantil para todo o alumnado e en todas as escolas: as públicas, as de iniciativa social, as privadas e as que son dos Concellos, sempre que estean ao corrente co Consorcio.

Imaxes relacionadas