Lorenzana sitúa a transformación de postos de traballo e a incorporación da muller como os dous grandes retos que o sector do metal ten por diante

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe en Vigo a Asemblea Xeral da Asociación de industrias do metal (Asime)

Puxo en valor a capacidade de resiliencia do sector que a pesares da pandemia facturou en 2021 un 5% máis e por representar o 20% do PIB galego

A Xunta vén de analizar 15 sectores estratéxicos xeradores de emprego no seu Estudo de tecnoloxías emerxentes como preámbulo da transformación dixital de ámbitos como o aeronáutico, a automoción, o metal-mecánico e o naval deberán enfrontar

O programa Empreganav este ano traballará con 500 persoas desempregadas da industria auxiliar do naval galego para asegurar a súa reinserción

A conselleira destacou o compromiso da Xunta para agrandar a presenza da muller no sector industrial mediante a formación e a sensibilización do tecido empresarial en favor da igualdade laboral
 

Vigo, 30 de marzo de 2022

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe en Vigo a Asemblea Xeral da Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime) onde destacou que este sector ten por diante dous grandes retos que pasan pola transformación dos postos de traballo cara á dixitalización e pola incorporación de máis mulleres á industria.

A Xunta está a traballar para facer que eses obxectivos sexan realidade, mediante o Estudo de Tecnoloxías Emerxentes e a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego; e con accións que evidencian o compromiso do Goberno galego coa implantación de medidas favorables á igualdade laboral nas empresas e para o fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas -STEM- entre as galegas.

Lorenzana destacou a “capacidade de resiliencia exemplar” que o sector do metal, que representa o 20% do PIB da comunidade, vén de amosar durante a pandemia, ao ter rexistrado en 2021 incrementos na súa facturación dun 5%. “Estas cifras son proba da relevancia estratéxica da industria do metal”, remarcou.

Precisamente este sector estivo presente no Estudo de Tecnoloxías Emerxentes que a Consellería de Emprego e Igualdade acaba de presentar, para enfrontar nun futuro inmediato os retos de dixitalización e transformación dos postos de traballo. “Galicia entrou de cheo nun proceso de modernización que permite encarar a industria 4.0 e o novo marco económico con garantías, no que a capacitación profesional da man de obra está a xogar un papel crucial”, dixo a conselleira.

O estudo, desenvolvido durante máis dun ano, analizou quince sectores económicos entre os que se atopan o aeronáutico, a automoción, o metal-mecánico e o naval.

Formación para o emprego

A conselleira subliñou tamén a importante aportación que a Axenda Galega de Capacidades, promovida polo seu departamento, terá na resposta formativa ás necesidades demandadas polo tecido empresarial. Destacou ás contribucións de Asime nesta “ferramenta clave no emparellamento entre a oferta e a demanda de emprego, para aumentar a produtividade das empresas e ofrecer novas oportunidades laborais á cidadanía”. Asime participou nunha das mesas de traballo, centradas na blue economy, que está a poñer o foco no sector automobilístico e aeronáutico.

Lorenzana, por outra banda, anunciou que o programa Empreganav, que quere asegurar a reinserción no mercado laboral de persoas desempregadas provenientes da industria auxiliar naval, chegará este ano a unhas 500 persoas.

Igualdade laboral na industria

Noutro eido de cousas, a conselleira incidiu na necesidade de traballar para que haxa unha maior incorporación de mulleres ao sector industrial. “Este proceso pasa necesariamente polo impulso da formación en STEM nas mulleres, cuxa presenza neste ámbito académico segue a ser minoritaria”. “A pesares do alto grao de inserción laboral no sector tecnolóxico e industrial, as mulleres seguen sen atopar o seu espazo”, insistiu. Puxo como exemplo que entre 2015 e 2020 o emprego creceu un 23% o sector e soamente o 20% dos postos xerados foron ocupados por mulleres.

A conselleira destacou neste camiño a Xunta está a realizar unha aposta decisiva pola formación en igualdade laboral a través dun campus virtual específico; o programa de impulso da igualdade, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (1,4 millóns de euros este ano); ou as unidades formativas en empresas en sectores con subrrepresentación feminina ao que se van destinar 2 millóns en 2022.
 

Imaxes relacionadas