Martina Aneiros recorda que ata o 8 de abril poderase solicitar praza nas escolas infantís para o primeiro curso no que serán gratuítas para todos os nenos

Lembra que se trata dunha medida pioneira do Goberno galego, que asumirá o 100% do prezo que antes pagaban as familias pola matrícula e a atención educativa

Ferrol, 30 de marzo de 2022.- A delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a escola infantil Virxe de Chamorro, en Ferrol, acompañada da súa directora, Eva Rego, onde recordou que ata o 8 de abril está aberto o período para solicitar praza nos centros da Xunta para o vindeiro curso. Será o primeiro no que as familias poderán beneficiarse da gratuidade total das 2.036 prazas en todas as escolas infantís públicas, tanto autonómicas como municipais, e de iniciativa privada e social dispoñibles nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Durante a visita á escola infantil, a delegada territorial salientou o “custe cero que supón en Galicia a educación infantil” nun contexto no que ás familias tócalles facer de novo fronte a dificultades e insistiu no compromiso da Xunta “cunha terra con máis oportunidades, con máis servizos e con máis axudas para as familias”.

Aneiros lembrou que no eido da educación infantil, Galicia xa foi pioneira en universalizar a gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos para todas as familias galegas para os segundos fillos e sucesivos desde abril de 2020 e que esta iniciativa se estenderá con carácter xeral para todos os fillos no curso 2022-2023, “converténdose así na primeira comunidade autónoma cunha educación infantil universal”, precisou. Para facer realidade esta medida histórica, a Xunta investirá máis de 30 millóns de euros, que beneficiarán a 31.000 nenos e nenas de toda a Comunidade, cuxas familias aforrarán unha media de 1.900 euros anuais en matrícula e atención escolar.

A delegada territorial tivo tamén palabras de recoñecemento para os traballadores públicos da Xunta que fan posible que as familias non teñan que facer ningún trámite adicional para acceder á gratuidade; ás entidades e empresas que xestionan escolas infantís e tamén aos concellos, que complementan e estenden este servizo de conciliación e agora teñen a oportunidade de ofrecer a gratuidade nas escolas da súa competencia grazas a que a Xunta asumirá o 100% do prezo que antes pagaban as familias e sen ningún custe extra para as arcas municipais.

Neste sentido, reiterou a petición da Xunta ao Goberno de España para que cofinancie a gratuidade da educación infantil, tal e como se comprometera ao comezo da lexislatura.
 

Imaxes relacionadas