A Xunta colabora co Concello de Mañón en actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, as actuacións levadas a cabo o ano pasado ao abeiro do Fondo de Compensanción Ambiental

A Xunta apoiou ao concello a través deste fondo con máis de 90.000€ na renovación do alumeado exterior das igrexas de Bares e Ribeiras de Sor, ademais de apoiar a contratación dunha brigada encargada de tarefas medioambientais

O Goberno galego investiu en 2021 un total de 11M€ en 248 actuacións relacionadas coa protección do medio ambiente

O investimento da Administración autonómica no municipio de Mañón supera os 1,5M€ nos últimos anos en actuacións medioambientais e en infraestruturas destinadas á prestación de servizos municipais

Mañón (A Coruña), 29 de marzo de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe as actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural levadas a cabo no Concello de Mañón o ano pasado ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.
A Xunta destinou un total de 90.149 euros para colaborar co municipio en dous proxectos. Por unha parte, na renovación do alumeado exterior das igrexas parroquiais de Bares e Ribeiras do Sor con equipos electrónicos con lámpadas LED cun menor consumo de enerxía, o que redunda no fomento da eficiencia enerxética ao mesmo tempo que se contribúe á posta en valor do patrimonio destes monumentos. Ademais, o Goberno galego apoiou a contratación de efectivos dunha brigada destinada a tarefas como o desbroce e limpeza de áreas recreativas e miradoiros co obxectivo de evitar a degradación ambiental e garantir a conservación destes espazos.
O Goberno galego investiu desde a posta en marcha do FCA en 2010 máis de 108 millóns de euros en máis de 2.300 proxectos das entidades locais, 248 deles mediante a convocatoria do ano pasado con máis de 11 millóns de euros.
Este ano destina outros 11,3 millóns de euros para colaborar cos concellos galegos en proxectos destinados a evitar a degradación ambiental, á contratación de persoal e á adquisición de vehículos e maquinaria para a protección do medio ambiente; a mellorar a rede de abastecemento de auga, de saneamento e do servizo de recollida de lixo; a actuacións de eficiencia enerxética e de emprego das enerxías renovables na luz pública, nas instalacións e edificios municipais e nos equipamentos de alta eficiencia enerxética, ademais da compra de vehículos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco.
Natalia Prieto lembrou que o investimento total da Xunta no concello de Mañón nos últimos anos supera os 1,5 millóns de euros entre as actuacións medioambientais no marco do Fondo de Compensación Ambiental, así como na posta en marcha e na reforma de infraestruturas destinadas á prestación de servizos municipais.
Entre as actuacións financiadas nestes anos co FCA inclúense melloras no centro de interpretación medioambiental Río Sor creado na antiga escola de Barreiros, xunto con outros traballos de limpeza neste río e as súas marxes e en camiños e rutas e sendeirismo da súa contorna.
En canto á Orde de infraestruturas de uso público, á que a Xunta destina este ano 3,5 millóns de euros, o concello de Mañón ten recibido apoio do Goberno galego en instalacións destinadas á prestación de servizos municipais con actuacións en parques infantís, no centro formativo de desempregados coa dotación de equipamento ou na reparación de vías públicas.

Imaxes relacionadas