A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda interveu no almorzo informativo organizado pola Asociación de Construtores de Pontevedra

A Xunta advirte que limitar a suba dos alugueiros nun 2% é unha medida “ineficaz e discriminatoria”

Ángeles Vázquez aclara que a proposta do Goberno central só se poderá aplicar a aqueles contratos que deban renovarse nos próximos tres meses, é dicir, antes do 30 de xuño

Avanza que a Xunta solicitará unha conferencia sectorial para pedir flexibilidade dos prazos dos programas de vivenda que contan con fondos europeos, sobre todo se a situación que afecta ás empresas de construción residencial non mellora

Vigo, 29 de marzo de 2022

A Xunta sinala que a medida de limitar a suba dos alugueiros nun máximo do 2%, incluída no plan de choque do Goberno central, é “ineficaz e discriminatoria”. Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, que interveu no almorzo informativo organizado pola Asociación de Construtores de Pontevedra.

Aclarou que esta medida anunciada onte non terá efectividade ao estar limitada a un período moi breve, xa que só se poderá aplicar nun período de 3 meses, ata o 30 de xuño; ao tempo que é discriminatoria, ao só afectar aos contratos que deban renovarse nese período.

A conselleira indicou que, ademais de descoñecer se existen outros requisitos adicionais, “non hai moita luz sobre a duración da limitación”. Ë dicir, se se poderá manter todo o ano ou se poderá actualizarse coa seguinte renovación.

Segundo manifestou Vázquez Mejuto, este tipo de medidas “o único que achegan é incertidume e inseguridade xurídica aos propietarios de vivendas”, o que provocará e espertará certos recelos á hora de ofrecer os inmobles da súa propiedade no mercado do alugueiro.

A conselleira indicou que o Goberno central “ten como costume anunciar medidas sen ponderar a efectividade ou oportunidade” das mesmas e esta -a limitación do 2%- é unha nova mostra; pois “presentan unha medida lineal e eluden facer unha valoración da situación que atravesan tanto o propietario como o inquilino”. Nese sentido, a conselleira vaticinou que sería eficaz para as persoas con ingresos máis baixos; pero tal e como está plantexada é igual para todos, con independencia do nivel de ingresos e das características do inmoble.

Ángeles Vázquez destacou que a construción leva tempo sinalando dificultades que afectan ao sector e que, se cabe, se agudizaron pola situación actual, marcada polo conflito bélico en Ucraína, o incremento dos prezos do transporte, o prezo elevado da enerxía, etc.

Ante este escenario, adiantou que desde Galicia solicitarase a celebración dunha conferencia sectorial para demandar ao Goberno unha flexibilización dos prazos fixados nos distintos programas en materia de vivenda e que contan con fondos europeos NextGenerationUE. Indicou que se a situación non mellora, e se agrava ou manteñen as condicións que hoxe xa afectan ao sector da construción residencial, as obras non poden avanzar ao ritmo desexado, polo que os prazos para certificar e xustificar as actuacións que lles acredita o acceso á axuda concedida veranse comprometidos.

A Xunta non pode dar as costas a un sector que é clave e un motor importante da recuperación económica e social; e por iso foi unha comunidade pioneira á hora de adoptar medidas para garantir a viabilidade dos contratos públicos.

Esta solución permite establecer compensacións ás empresas adxudicatarias ante o incremento exponencial do prezo dos materiais; polo que -ademais de garantir a viabilidade das obras e das actuacións públicas- tamén se manteñen os empregos e postos de traballo directos e indirectos, asociados ás mesmas.

Por último, a conselleira lamentou que esta visión non sexa compartida polo Goberno central, que optou por poñer un recurso e impedimentos que “o único que provocan é unha perda de tempo, un factor de gran valor nos tempos que corren”, engadiu.

Imaxes relacionadas