O delegado territorial da Xunta en Pontevedra participou nun solta de troitas no río Almofrei, en Cerdedo-Cotobade

A Xunta repoboou os ríos Lérez, Miño e Ulla na provincia de Pontevedra con 3,65 millóns de xuvenís de salmón nos últimos vinte anos

Luis López, xunto cos técnicos de Medio Ambiente e da piscifactoría autonómica de Carballedo, liberou no couto das Laogas un cento de troitas de dous anos de idade e unha talla de vinte centímetros

A piscifactoría de Cerdedo-Cotobade, construída hai sesenta anos, centra o seu traballo no Programa de recuperación e conservación do salmón atlántico
 

Cerdedo-Cotobade, 28 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia acometeu repoboacións nos ríos Lérez, Miño e Ulla ao seu paso pola provincia de Pontevedra con 3,65 millóns de xuvenís de salmón nos vinte anos que van do presente século para favorecer a recuperación desta especie tras o declive da mesma detectado na década dos noventa.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou das accións e dos resultados do Programa de recuperación e conservación do salmón atlántico impulsado polo Goberno galego durante a solta de troitas celebrada hoxe no río Almofrei, no Concello de Cerdedo-Cotobade, no marco da campaña de reforzo da poboación existente tras o inicio da campaña de pesca o pasado 20 de marzo.

O representante autonómico estivo acompañado polo tenente de alcalde, Fernando Vázquez, o xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González, técnicos da consellería e traballadores da piscifactoría autonómica emprazada na localidade de Carballedo. Deste xeito, procederon á liberación no río, á altura do couto das Lagoas, dun cento de troitas de dous anos de idade e unha talla de vinte centímetros.

O traballo da piscifactoría

A piscifactoría de Carballedo foi construída hai sesenta anos, dedicándose inicialmente á produción de troita común para a repoboación dos ríos de Pontevedra, pero a mediados da década dos noventa modernizáronse as súas instalacións para orientala ao cultivo de salmón co obxectivo de corrixir o declive desta especie. De feito, este servizo conseguiu realizar en 1995, por vez primeira en España, a técnica de recuperación de zancados, o que favorece a reprodución e asentamento da poboación de salmóns.

Dende entón, e tras un segundo proxecto de ampliación a comezos do presente século, a piscifactoría conseguiu multiplicar a súa capacidade de produción por 2,5, o que permitiu soltar nos ríos 3,65 millóns de xuvenís de salmón neste século e, ademais, comprobar a súa supervivencia grazas ao sistema de marcado e ao labor das estacións de control de peixes migratorios de Ximonde (Ulla), Bora (Lérez), A Freixa (Tea) e Fieira (Miño) e aos puntos de paso nas pesqueiras dos ríos Ulla, Lérez e Miño.

Este traballo contribúe a soltar unha media de 160.000 xuvenís de salmón anuais nos ríos da provincia, acadándose o pico de 302.062 no ano 2002, superándose o listón dos 200.000 nos exercicios 2003, 2006, 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012 e rexistrando 111.783 no ano 2019, antes da pandemia. Por ríos, o Lérez recibiu case 1,7 millóns de xuvenís, o Ulla superou os 1,3 millóns e os preto de 700.000 restantes foron ás augas do Miño.

Cómpre sinalar que, neste tempo, recapturáronse máis de 2.000 adultos de salmón marcados e a maioría deles no mesmo río da provincia de Pontevedra onde foron soltados, aínda que tamén se teñen atopado en puntos moi lonxanos, como os ríos Eo, Esva ou Bidasoa, ou no propio mar, como na costa oeste de Irlanda, no Mar de Noruega ao noroeste de Islandia e incluso en Groenlandia, a 4.000 quilómetros de Galicia.

“Os servizos de protección e preservación da fauna que temos na Xunta de Galicia, e que na provincia están centralizados en Cerdedo-Cotobade, son de primeiro nivel e un motivo para estar orgullosos”, explicou López. “Hai unhas semanas liberamos na Lanzada un mazarico recuperado no Centro de Fauna Silvestre que temos aquí ao lado e hoxe coñecemos todo o que estamos a facer para mellorar a vida piscícola dos nosos ríos, con máis de 3,5 millóns de xuvenís de salmón, e incluso participamos nesta solta de troitas que reafirma o bo traballo que se está a facer nestas dependencias medioambientais”, manifestou o delegado territorial.
 

Imaxes relacionadas