A Xunta licita por máis de 83.000 € o servizo para a aplicación de codia de eucalipto fronte á proliferación de cianobacterias no encoro de Caldas de Reis

Trátase de minimizar o risco das posibles proliferacións de cianobacterias no encoro da Baxe, contribuíndo á recuperación do ecosistema e a evitar os posibles problemas de abastecemento ás captacións existentes augas abaixo do encoro

As empresas interesadas neste contrato teñen ata o vindeiro día 18 de abril para presentar as súas ofertas

Mediante este contrato, que conta cun prazo de execución de 24 meses e a previsión de prórroga ata un máximo de 24 meses máis, a Xunta dispón dun servizo de mantemento para acadar o bo potencial ecolóxico do encoro de Caldas de Reis

As tarefas incluirán desde a retirada e xestión dos residuos das doses de codia de eucalipto existentes no encoro da Baxe, ata a súa aplicación e renovación nas estruturas flotantes, co fin de minimizar a posible proliferación de cianobacterias

Este contrato dá continuidade aos traballos que se veñen realizando nos últimos anos e cuxos resultados reflicten a relación entre o tratamento con codia de eucalipto e a redución da abundancia de cianobacterias no encoro da Baxe
 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por 83.156 euros o servizo para a aplicación de codia de eucalipto como medida fronte á proliferación de cianobacterias no encoro de Caldas de Reis.
A plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación dos traballos, aos que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de abril.
Mediante este contrato, a entidade hidráulica da Xunta procura a minimización do risco de posibles proliferacións de cianobacterias que se producen no encoro da Baxe, contribuíndo á recuperación do ecosistema para evitar os posibles problemas de abastecemento ás captacións existentes augas abaixo do encoro.

Mediante este contrato, que conta cun prazo de execución de 24 meses e a previsión de prórroga ata un máximo de 24 meses máis, a Xunta dispón dun servizo de mantemento para acadar o bo potencial ecolóxico do encoro de Caldas de Reis.

Máis en detalle, os traballos e actividades incluídos neste contrato consisten na retirada e xestión dos residuos das doses de codia de eucalipto existentes no encoro, así como na aplicación e renovación de doses de codia de eucalipto nas estruturas flotantes, e na aplicación dunha terceira dose que permanecerá no encoro sen retirar, aos efectos de minimizar as posibles proliferacións de cianobacterias.

Ademais destas tarefas, neste contrato tamén se inclúe o mantemento periódico das estruturas flotantes soporte das doses e unha inspección inicial mediante un equipo de persoal mergullador do estado do sistema de anclaxe de ditas estruturas.

Antecedentes

No mes de abril do 2010 asinouse un convenio coa Estación Hidrobiolóxica do Con para a validación experimental dun tratamento con palla de cebada sobre as floracións de cianobacterias no encoro das Forcadas, en Valdoviño. Á vista dos resultados obtidos na fase experimental, na que ademais tamén se puido comprobar a efectividade con codia de eucalipto, decídese dimensionar o tratamento para poñelo en práctica no encoro da Baxe.

Tras a realización de varias aplicacións de codia de eucalipto como medida fronte á proliferación de cianobacterias no encoro de Caldas de Reis nos últimos anos, os resultados dos seguimentos de cianobacterias indican que este tratamento pode ser o responsable da redución da abundancia de cianobacterias no encoro da Baxe, en relación a anos anteriores.

Polo tanto, con este contrato desde Augas de Galicia séguese a traballar para acadar o bo potencial ecolóxico deste encoro a través da minimización do risco das posibles proliferacións de cianobacterias que se xeran no encoro da Baxe, contribuíndo deste xeito á recuperación do ecosistema e evitar os posibles problemas de abastecemento ás captacións existentes augas abaixo do encoro.