A Xunta pon a disposición dos centros recursos e materiais didácticos para favorecer a adaptación e integración do alumnado ucraíno

Co fin de facilitar a comunicación, a Consellería de Educación vén de habilitar un espazo web sobre Ucraína cunha guía básica de conversa galego-castelán-ucraíno e con pictogramas, así como outra de expresións máis habituais, entre outros

Nos próximos días iranse actualizando todos os contidos, coa incorporación dun dicionario básico de preto de 1.000 palabras así como da tradución á ruso, posto que é un dos idiomas cotiás de moitos desprazados

Os centros dispoñen dun modelo de Plan de Acollida elaborado coa achega de equipos directivos e servizos de orientación con experiencia na atención a alumnado procedente doutros países
 

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2022

Co obxectivo de asegurar a máxima atención educativa o alumnado ucraíno desprazado a Galicia por mor da guerra, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de poñer á disposición dos centros educativos un espazo web específico sobre Ucraína con recursos e materiais didácticos encamiñados a favorecer este proceso de adaptación e integración nas aulas.
Un dos elementos principais é a dotación de ferramentas específicas para a comunicación co resto do alumnado e co profesorado. Para tal fin está dispoñible unha guía básica de conversación galego-castelán-ucraíno cos seus respectivos pictogramas e coa transliteración do ucraíno para fomentar tamén un proceso recíproco no que o alumnado acollido poida comunicarse en galego e castelán e os alumnos e profesores galegos saiban pronunciar palabras en ucraíno. Xúntase tamén unha guía de expresións más habituais e escolmas de material de utilidade dispoñible na rede, entre outros recursos de interese.
Todos estes materiais iranse actualizando nos próximos días coa incorporación de traducións en idioma ruso (que é un dos idiomas de uso cotiá de moitos dos desprazados) e a elaboración dun dicionario de preto de 1.000 palabras, así como doutros materiais e recursos específicos.

Así mesmo, hai un apartado específico sobre equipamento TIC, de tal xeito que, no marco do programa Educa en Dixital, todo alumno ucraíno que o precise vai dispoñer dun ordenador con conexión á rede. Todos os equipos que se repartan estarán configurados para os idiomas galego, castelán e ucraíno, e os teclados estarán identificados con pegatinas específicas para a escritura en ucraíno.

Guía de Acollida

Doutra banda, ademais da normativa específica para a escolarización inmediata destes nenos e as instrucións aos centros para a posta a disposición de material escolar e servizo de transporte, comedor e actividades extraescolares, a Consellería pon a disposición dos centros un modelo de Guía de Plan de Acollida para facilitar unha adaptación o máis efectiva posible do alumnado desprazado.

Todos estes materiais foron elaborados coas achegas de orientadores así como dun grupo de traballo de profesionais do Comité Educativo e da Xunta Autonómica de Directores e de equipos directivos con experiencia previa en acollida de alumnado estranxeiro.