A Xunta inviste preto de 72.000 euros en mellorar diversas pistas forestais do distrito XIV Verín-Viana

As accións enmárcanse no Plan preventivo da Consellería do Medio Rural, que contou cun orzamento de case 30 millóns de euros no ano 2021 para actuar en máis de 58.000 hectáreas e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2022

A Xunta segue desenvolvendo traballos preventivos nos montes galegos, no marco do Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural. Así, o departamento que dirixe José González investiu preto de 72.000 euros en acondicionar diversas pistas forestais -e crear novos accesos- en montes de Monterrei, Verín, Riós e Castrelo de Val, ubicados no distrito forestal XIV Verín-Viana.
Os traballos, localizados moitos deles en zonas de alto risco de incendio (ZAR), consistiron na mellora do firme de pistas forestais e na creación de novas vías de comunicación, co fin de facilitar o acceso ao monte por parte do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais. Ademais, tamén se levou a cabo a colocación de pasos de auga con canalización das augas de regatos e de escorrentía superficial, coa fin de asegurar unha boa drenaxe e saneamento da traza dos camiños e evitar así o seu deterioro a medio prazo.
Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural