O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade asiste ao acto de entrega de medallas desta competición

Román Rodríguez destaca a excelencia da Formación Profesional galega, que acada cinco medallas nas olimpíadas nacionais Spain Skills 2022

Galicia queda terceira en número de medallas de ouro, empatada con Euskadi e Castela e León, só por detrás de Cataluña e Andalucía

O conselleiro felicita o alumnado polo traballo realizado nesta competición e salienta a implicación do profesorado, sen o que non sería posible “este éxito que hoxe celebramos para o conxunto do ensino galego”
 

Madrid, 26 de marzo de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asistiu hoxe ao acto de entrega de medallas das olimpíadas nacionais de Formación Profesional, Spain Skills 2022, celebradas no recinto feiral IFEMA de Madrid. Ao remate da cerimonia, o representante da Xunta tivo a oportunidade de felicitar aos compoñentes da delegación galega polo traballo realizado nesta competición. “A excelencia da FP galega vén de traducirse na consecución de cinco medallas neste concurso, o que nos enche de satisfacción e nos anima a continuar fortalecendo estas ensinanzas a través da Estratexia FP Galicia 2030”, destacou.

Román Rodríguez quixo tamén transmitir os seus parabéns aos profesores que, como titores ou coordinadores, acompañaron aos alumnos galegos nestas olimpíadas, facendo fincapé en que os docentes son o piar fundamental do noso sistema educativo e da altísima cualificación dos titulados dos ciclos formativos en Galicia. “Sen o voso compromiso e implicación non sería posible este éxito que hoxe celebramos para o conxunto do ensino galego”, díxolles.

Cómpre sinalar que Galicia se colocou terceira en número de medallas de ouro, empatada con Euskadi e Castela e Leóns, só por detrás de Cataluña e Andalucía . En número total de medallas a nosa comunidade rematou quinta, empatada con outras catro CCAA.

Esta clasificación é proba do excelente labor desenvolvido ao longo do certame pola trintena de alumnos galegos participantes, así como polos docentes e titores que os acompañaron. Galicia tomou parte na totalidade das especialidades ou skills avaliadas, malia que as de Carpintaría e Ebanistería se tiveran que adiar por mor da folga de transporte.

A relación de galardóns acadados por Galicia é a que se reflicte na seguinte táboa:

 
Medalla
Especialidade ou skill
Centro educativo
Alumno/a
Titor/a

Ouro

Soldadura

IES María Sarmiento (Viveiro)

Mateo Rubal Fanego

Eliseo Maseda Iglesias

Ouro

Cociña

CIFP Paseo das Pontes (A Coruña)

María Emilia Piedra Iglesias

José Miguel García Silvarredonda

Ouro

Recepción hoteleira

CIFP Manuel Antonio (Vigo)

Sergio Martínez Calvar

Roi Álvarez González

Prata

Deseño de xogos e animacións 3D

CIFP Imaxe e Son (A Coruña)

Azucena Santos Estévez

Mónica Parada Gandos

Bronce

Servizo de restaurante e bar

CIFP Fraga do Eume (Pontedeume)

Bruno Landrove Gómez

Gerardo Pereira Romero

 

As Spain Skills 2022 desenvolvéronse desde o pasado martes no recinto feiral IFEMA de Madrid e nelas medíronse as competencias de alumnos das 17 CCAA e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

Imaxes relacionadas