Galicia participa no deseño dunha estratexia formativa en tecnoloxías marítimas para impulsar a remuda xeracional no sector

Os resultados do proxecto europeo MATES, coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, presentaranse en Bruxelas o vindeiro martes 29 de marzo no evento final desta iniciativa


Un total de 17 institucións e entidades de oito países de Europa uníronse neste proxecto co obxectivo de traballar de maneira conxunta para pechar a brecha entre a oferta formativa e a demanda de capacidades nos sectores da construción naval e as enerxías renovables mariñas
 

Vigo, 26 de marzo de 2022.- O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar organiza o vindeiro martes 29 de marzo unha conferencia en Bruxelas co obxectivo de presentar os principais resultados da estratexia de capacitación para as tecnoloxías marítimas desenvolvida polo proxecto europeo MATES. Esta iniciativa, coordinada polo ente dependente da Consellería do Mar e na que colaboran máis de 200 expertos de distintos ámbitos, naceu co obxectivo de manter unha industria marítima competitiva promovendo as mellores prácticas na formación e o remuda xeracional.
Despois de catro anos de traballo conxunto, o Cetmar e os seus socios no proxecto
–17 entidades de oito países de Europa– dará a coñecer o impacto que está a acadar este proxecto financiado polo programa europeo Erasmus+, así como un plan de sostibilidade. Administracións públicas, centros de educación, industria e investigación colaboraron na creación da estratexia de capacitación de MATES, así como nas 11 experiencias piloto deseñadas para probar a súa adaptación a diversos contextos.
O evento dará voz a entidades e organizacións que están xa a empregar os resultados do proxecto para mellorar a formación e atraer a novos traballadores nos sectores da construción naval e as enerxías renovables mariñas.
A participación na conferencia de Bruxelas está aberta tanto a traballadores do sector naval e das enerxías renovables mariñas como ás partes interesadas nos ámbitos da industria, a educación ou a administración pública. O evento, que se levará a cabo de 10:00 a 13:00 en formato híbrido –presencial e online–, poderá seguirse a través da web do proxecto.
Ademais do Cetmar, forman parte desta iniciativa europea a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; a Asociación de Industrias Metalúrxicos de Galicia (Asime); a Universidade da Coruña (UDC); e a empresa de enxeñaría CET Ingenieros.