A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa analizaron as iniciativas no municipio en materia de ordenación e urbanismo

A Xunta aboará este ano 30.000 € para o remate da obra actual de San Lourenzo en Porqueira e colaborará para completar a humanización do núcleo

A intervención na travesía principal obtivo xa unha axuda de case 68.000 euros da Consellería de Medio Ambiente e continuará nos vindeiros meses

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2022

A Xunta aboará este ano preto de 30.000 euros para o remate da obra actual que se está a executar no lugar de San Lourenzo, en Porqueira, e colaborará para completar a mellora e humanización do núcleo.

Para iniciar a mellora da zona, o Concello accedeu o ano pasado a unha das axudas do programa que convocou a Consellería para facilitar ás administracións locais apoio económico para a materialización de proxectos de mellorar urbanística.

En total, o incentivo para a actual intervención na travesía principal é de 67.759 euros, do que xa está aboada a anualidade de 2021, que ascendeu a case 40.000 euros, e falta por transferir a do presente exercicio.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Susana Vázquez Dorado, mantiveron unha reunión, na que a representante autonómica se comprometeu a seguir colaborando na humanización do núcleo e na que tamén repasaron o estado outras das actuacións en marcha no concello.

A conselleira fixo fincapé no traballo e aposta de Porqueira por mellorar e acondicionar os espazos públicos do concello, facilitando o tránsito dos peóns e compatibilizando o tráfico rodado; ao tempo que se habilitan espazos máis accesibles para a cidadanía.

Así mesmo, no encontro abordaron a situación do Plan básico municipal de Porqueira, que está na fase final de tramitación xunto aos do Páramo, Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Triacastela, Cartelle, Padrenda e San Xoán de Río. Recordou que xa conta coa aprobación inicial, superou o proceso de información pública e estanse a ultimar a recompilación dos os informes sectoriais.

A conselleira augurou que este mesmo ano, Porqueira contará con esta ferramenta de ordenación, pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes que non contan con planeamento xeral, para dotarse dun instrumento urbanístico básico que permite ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística, pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Imaxes relacionadas