A Xunta invita á cidade da Coruña e a súa área a coñecer os programas de axudas en materia de vivenda

Este é o segundo encontro informativo ‘Construíndo Fogar’ que se celebra na provincia e terá lugar o luns, 28 de marzo, ás 10,30 h, na Delegación Territorial da Coruña, coa participación de persoal do Instituto Galego da Vivenda e Solo

Ao encontro, aberto ao público en xeral, están convocados os concellos, empresas e entidades do sector de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, A Coruña, Culleredo, Cuntis, Irixoa, Mesía, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Sobrado dos Monxes e Vilasantar

A Coruña, 26 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia invita ao tecido social da cidade da Coruña e a súa área metropolitana a coñecer os distintos programas e liñas de axudas en materia de vivenda ás que poden optar os cidadáns e os concellos.

Esta nova sesión dos encontros informativos Construíndo Fogar terá lugar o vindeiro luns, 28 de marzo, ás 10,30 horas, no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta na Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2, planta baixa), e contará coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), para informar dos detalles de máis dunha trintena de liñas distintas de incentivos e resolver as dúbidas dos asistentes.

Trátase do segundo encontro que se celebra na provincia da Coruña, tras o de Ferrol, e o quinto na Comunidade. Está aberto ao público en xeral e están convocados representantes dos concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, A Coruña, Culleredo, Cuntis, Irixoa, Mesía, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Sobrado dos Monxes e Vilasantar.

Asemade, tamén se invitou a entidades, como os colexios oficiais de arquitectos, enxeñeiros técnicos e peritos agrícolas de Pontevedra; e a empresas do sector da vivenda e da rehabilitación edificatoria, como inmobiliarias, xestores de comunidades de veciños e da propiedade e asociacións de empresarios e da construción.

O obxectivo é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, así como dos trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como daqueles pendentes de publicar a súa convocatoria.

Así, o IGVS dará conta dos programas dispoñibles para fomentar a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. A maioría están dirixidos aos particulares, pero tamén existen outros que son exclusivamente para os concellos.

Ademais, brindarase información sobre as distintas liñas de axudas para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou de alugueiro.

No encontro tamén se presentarán aqueles programas que benefician de xeito particular aos concellos da zona, como son as axudas á área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, xa que por Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral, A Coruña, Culleredo, Mesía, Miño e Paderne discorre o Camiño Inglés.

Do mesmo xeito, os dous núcleos históricos declarados na cidade herculina —Cidade Vella-Pescadería e San Vicenzo de Elviña- pódense beneficiar de forma específica da liña de incentivos exclusiva para estes ámbitos.

No caso da Coruña tamén cobra especial protagonismo o Programa Rexurbe, pois no presente exercicio a Xunta dedicará 1 millón de euros á adquisición de inmobles deteriorados ou en estado de abandono na cidade da Coruña, co obxectivo de rehabilitalos e destinalos despois a vivendas de promoción pública. Esta nova oferta dará continuidade ao esforzo dos últimos anos, que se plasmou na adquisición de 17 propiedades en Betanzos e nos acordos de compra doutros 4, en 2021, na urbe herculina.

Nova Oficina de rehabilitación

A Consellería de Medio Ambiente considera necesarios e fundamentais estes encontros, para dar a coñecer a existencia das liñas de subvencións dispoñibles; animar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude, ofrecendo información de directa, práctica e útil, e sobre todo, para brindar o acceso aos recursos públicos ao destinatario final dos mesmos: a sociedade galega.

Así mesmo, o encontro da Coruña servirá presentar a nova Oficina de rehabilitación de vivenda, posta en marcha recentemente pola Xunta e que está chamada a ser o novo punto informativo para asesorar e dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia residencial.

Esta oficina xa está en funcionamento e permanece aberta de luns a venres polas mañás, en horario de 9 a 14 horas. Os interesados teñen a opción de facer consultas por teléfono, a través do número 881 045 897, o mesmo ao que hai que chamar para pedir cita previa en caso de preferir atención presencial en Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas