A conselleira de Política Social participou na entrega de diplomas aos participantes na primeira edición desta iniciativa

Fabiola García sinala que o 60% dos 200 mozos que participaron no Xuventude Mentoring encontraron traballo ou están a ampliar a súa formación

Nesta primeira edición adheríronse ao programa 20 entidades e participaron preto de 150 mentores que apoiaron e asesoraron ás mozas e mozos na transición ao emprego

O Goberno galego pon en marcha outros programas para apoiar á xuventude como Iniciativa Xove, que ofrece apoio económico para que realicen os seus proxectos; Xuventude Crea, para premiar o seu talento e creatividade; ou encontros como Mocidade, que reúne anualmente a persoas inspiradoras e creativas na Cidade da Cultura
 

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que o 60% dos 200 mozos que participaron na primeira edición do programa Xuventude Mentoring encontraron traballo ou están a ampliar a súa formación. Esta mañá participou no acto de entrega de diplomas aos participantes nesta iniciativa que trata de acompañar e apoiar ás mozas e mozos na transición ao emprego.

En concreto, a conselleira apuntou que coa posta en marcha desta iniciativa máis de 200 mozas e mozos puideron poñer en práctica os seus coñecementos universitarios ou de formación profesional nalgunha empresa ou entidade adherida ao programa. Neste primeiro ano foron 20 entidades as que participaron, entre as que se atopan as tres universidades galegas, o Clúster de Turismo, o Clúster TIC, así como asociacións e outras firmas.

Durante o desenvolvemento do programa, preto de 150 persoas ofrecéronse como mentores e axudaron ás mozas e mozos a establecer un primeiro contacto co mundo laboral. Durante o acto déronse a coñecer algunhas das experiencias vividas nunha mesa redonda na que mentores e mentorizados puideron relatar que supuxo este programa para eles.

Apoio á xuventude

Fabiola García apuntou que logo do éxito desta primeira convocatoria, o Goberno galego xa traballa na posta en marcha dunha nova edición deste programa. Sumarase á oferta de iniciativas que a Xunta pon en marcha para apoiar á mocidade e facilitar que as súas ideas se convertan en realidade.

Entre outros exemplos atópanse o programa Iniciativa Xove, que ofrece apoio económico para que os mozos inicien os seus propios proxectos; Xuventude Crea, que premia o seu talento en 14 disciplinas artísticas, e iniciativas como Mocidade, un encontro que reúne anualmente na Cidade da Cultura obradoiros e charlas inspiradoras e creativas dirixida á xuventude.
 

Imaxes relacionadas