A Xunta comparte coas autoridades de Finlandia os seus avances na elaboración do inventario forestal continuo de Galicia

Unha delegación do instituto público finés Metsäkeskus desprazouse esta semana a Pontevedra e Lugo, onde representantes da Consellería do Medio Rural e das universidades de Santiago e Vigo lles explicaron como están a efectuar o inventariado

Así, a visita incluíu acompañar as brigadas en campo e diversos encontros de traballo sobre a metodoloxía de recompilación dos datos, entre outras cuestións
 

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2022

A Xunta compartiu esta semana co Centro Forestal de Finlandia -nomeadamente, o instituto público Metsäkeskus- os seus avances na elaboración do Inventario forestal continuo, do que se prevé ter os primeiros datos este mesmo ano. En concreto, a delegación finesa puido ver como traballan as brigadas que se encargan do inventariado e compartir experiencias con representantes da Consellería do Medio Rural, da empresa pública Seaga, da Asociación Forestal Galega e das universidades de Santiago e Vigo, coas que se desenvolve o proxecto.

Cómpre sinalar que o Metsäkeskus leva preto dunha década promovendo un traballo de inventariado forestal para o que buscan incorporar melloras da man dos procesos que se están a efectuar no marco do primeiro Inventario forestal continuo de Galicia. Con esa intención, na visita participaron non só representantes deste instituto público, senón tamén da empresa finesa Arbonaut, que lle presta soporte tecnolóxico.

Primeiramente, os participantes comprobaron como as brigadas levan a cabo o inventariado mediante a recolección de datos de parcelas en campo. Despois, tiveron lugar varias reunións de traballo dirixidas a afondar, entre outros aspectos, na metodoloxía de caracterización de parcelas forestais a partir de imaxes por satélite que desenvolven na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, pertencente á Universidade de Vigo.

Nunha segunda xornada, o encontro rexistrouse na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, no campus de Lugo, onde os encontros se centraron nos métodos e resultados para a recompilación de datos ou nos elementos de deseño do Inventario forestal continuo.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural