A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou hoxe no acto de sinatura do convenio subscrito por terceiro ano consecutivo coa entidade veciñal

A Xunta, Ecoembes e a Asociación Lucus Augusti colaborarán para fomentar a recollida selectiva entre os lucenses co reto de subir un 10% as taxas de reciclaxe

A federación recibirá 10.000 €, o dobre que en 2021, para cubrir os gastos das accións de sensibilización ambiental que promova entre os seus asociados así como da colocación, mantemento e baleirado das papeleiras instaladas en todas as súas sedes

Ángeles Vázquez subliña que o ano pasado Sogama entregou 300 compostadores con capacidade de 400 litros para repartir entre todas as asociacións que aglutina

Lugo, 25 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, Ecoembes e a Federación de asociacións veciñais Lucus Augusti renovaron hoxe a liña de colaboración que manteñen desde o ano 2020 para fomentar a recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón en Lugo co reto de incrementar as taxas de reciclaxe deste tipo de residuos nun 10%.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou hoxe no acto de sinatura do convenio coa entidade veciñal, que aglutina a máis de 300 asociacións de veciños lucenses e renova deste xeito, por terceiro ano consecutivo, o seu compromiso coa reciclaxe e o fomento da concienciación cidadá nesta materia.

En concreto, entre as obrigas que asume Lucus Augusti para este ano figura a celebración de, como mínimo, unha sesión de sensibilización dirixida principalmente aos seus asociados pero tamén ao público en xeral, que será impartida por un educador ambiental facilitado a tal fin por Ecoembes.

Así mesmo, a entidade comprométese a proporcionar información e concienciar sobre a reciclaxe deste tipo de residuos dentro do seu ámbito de actuación e no exercicio da súa propia actividade. Por último, a federación tamén garantirá a colocación de contedores en todas as súas sedes para poder facer unha recollida selectiva de envases e embalaxes, ao tempo que se encargará do mantemento, recollida e baleirado dos cubos e papeleiras habilitados para depositar estes residuos.

Para poder poñer en práctica todas estas accións, a federación veciñal lucense recibirá unha achega de 10.000 euros —contía que duplica á do ano pasado— procedente do convenio marco de colaboración subscrito no ano 2020 entre a Consellería e Ecoembes.

Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou a importancia de contar co apoio e a implicación directa de entidades como Lucus Augusti para poder seguir avanzando na separación dos residuos en orixe nos fogares galegos. Así, indicou que en breve se darán a coñecer as cifras oficiais de recollida de envases e de papel-cartón en Galicia correspondentes ao ano pasado e avanzou que se continúa “na boa dirección”.
“Agradecemos ese labor de concienciación que asume a federación, que é fundamental e que moitas veces nin a Administración nin Ecoembes somos quen de facer mentres que vós sodes capaces de chegar a cada recuncho”, declarou a conselleira.

Por iso, agradeceu o compromiso de Lucus Augusti co coidado do medio ambiente a través do fomento dunha xestión dos residuos domésticos axeitada e eficaz e lembrou que o ano pasado esta entidade recibiu de Sogama un total de 300 compostadores con capacidade para 400 litros que repartiu entre todas as asociacións ás que representa para implicalas así tamén no tratamento dos biorresiduos.

Por último, o presidente da Federación Lucus Augusti, Jesús Vázquez, indicou que grazas á renovación deste convenio poderán darlle continuidade á campaña de concienciación coa que o ano pasado, a pesar da pandemia, lograron chegar a moitos barrios e concellos; e como principal novidade, salientou que en 2022 se fará “especial énfase” nos centros educativos, para concienciar sobre a recollida selectiva “aos mozos, que son o futuro”.

Imaxes relacionadas