Trenor anima aos concellos a solicitar as axudas para os centros de información á muller para previr a violencia de xénero e promover a igualdade a conciliación

Este programa da Xunta está dotado con 6,2 millóns de euros, que permitirá aos concellos, consorcios ou mancomunidades, poñer en marcha programas contra a violencia de xénero e/ou a explotación sexual e para facilitar a corresponsabilidade e a igualdade

A iniciativa inclúe 4,3 millóns para financiar o funcionamento dos 84 Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia con apoios máximos de ata 120.000 euros cando a solicitude da axuda sexa conxunta

O prazo para solicitar esta orde está aberto ata o 18 de abril

Na comarca de Santiago, o ano pasado, recibiron estas axudas 26 concellos por un importe de máis de 689.000 euros
 

Ordes (A Coruña), 25 de marzo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o CiM de Ordes para animar aos alcaldes da comarca de Santiago a solicitar as axudas para os centros de información á muller, para previr a violencia de xénero, e para promover a igualdade e a conciliación

O Diario Oficial de Galicia (DOG publicou hai uns días o programa da Xunta, dotado con 6,2 millóns de euros, que permitirá aos concellos, consorcios ou mancomunidades, poñer en marcha programas contra a violencia de xénero e/ou a explotación sexual e para facilitar a corresponsabilidade e a igualdade.

A iniciativa inclúe 4,3 millóns para financiar o funcionamento dos 84 Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia con apoios máximos de ata 120.000 euros cando a solicitude da axuda sexa conxunta. Trenor lembrou que o ano pasado o CIM de Ordes recibiu 115.000 euros para garantir o seu funcionamento.

O representante do Goberno galego lembrou que esta orde conta con varias liñas de axudas para o desenvolvemento de iniciativas dirixidas a promover a igualdade, a corresponsabilidade entre mulleres e homes e e previr e tratar a violencia de xénero e/ou mellorar as condicións das vítimas de explotación sexual. En concreto, poden optar a estes apoios ata o próximo 18 de abril os concellos, consorcios, mancomunidades, agrupacións ou asociacións de concellos.

 

As axudas, para as que se poderán solicitar anticipos de ata o 80% das axudas (na pasada convocatoria fixouse no 75%), inclúen financiamento para tres tipos de programas: fomento da conciliación; promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero; e apoio aos CIM.

Trenor lembrou que o ano pasado estes apoios beneficiaron a 26 concellos da comarca de Santiago que recibiron un importe de máis de 689.000 euros para levar a cabo este tipo de iniciativas.

Para o 2022, o primeiro dos programas, para o fomento da conciliación, está dotado con 1,4 millóns de euros. A Xunta quere axudar a que as entidades locais poidan levar a cabo medidas (campamentos de verán, en Nadal ou outro tipo de medidas de conciliación) que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes con contías que van dos 18.000 euros para os concellos que se presenten de xeito individual aos 30.000 para peticións de xestión compartida. As contías máximas aumentan con respecto ás anteriores convocatorias, con 3.000€ máis no caso de que a xestión sexa individual e con 2.000€ máis para a compartida.

A segunda liña, con medio millón de euros de orzamento, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero. A Xunta financia accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes. Ábrense estes apoios a medidas de loita contra a explotación sexual, incluída a prostitución. As contías neste caso van dos 15.000 aos 28.000 euros para entidades con solicitude individual ou en conxunto, respectivamente. As contías máximas aumentan nos dous casos en 3.000 euros.

Apoio decidido aos CIM

A terceira liña de axudas ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM), integrada actualmente por 84 centros na nosa Comunidade e que dan cobertura a un total de 191 concellos.
O Goberno galego apoia o financiamento dos postos de traballo dos CIM -dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica- e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa 4,3 millóns de euros. Cada entidade pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso das solicitudes de xestión compartida.

A Xunta leva investidos nestes programas cos que apoia o labor das entidades locais de Galicia para a promoción da igualdade, o fomento da conciliación e a loita contra a violencia de xénero máis de 64,6 millóns de euros desde 2009 ata o de agora, incluído a convocatoria deste ano.
 

Imaxes relacionadas