Galicia recibirá máis de 10,7M€ de fondos europeos para a modernización da administración da xustiza

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas

A Xunta destinará 5,6M€ dos fondos Next Generation asignados á comunidade para executar melloras das infraestruturas tecnolóxicas dos órganos xudiciais, xunto con proxectos de ciberseguridade e de sistemas de conversión de audio a texto

Os 5,1M€ restantes destinaranse á posta en marcha de servizos dixitais e de solucións en xestión procesual ou de persoal

A Xunta avanzará na dixitalización da xustiza coa posta en marcha dun novo Plan Senda 21-25 e prevé rematar en 2022 a implantación de sistemas de videoconferencia en todos os xulgados galegos
 

Avilés (Asturias), 25 de marzo de 2022

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe en Avilés no pleno da Conferencia Sectorial de Xustiza entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas, na que se acordou, entre outros asuntos, a distribución de fondos de Xustiza ao abeiro do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos fondos europeos Next Generation. Segundo os criterios de distribución acordados, a Galicia corresponderanlle máis de 10,7 millóns de euros que se van a asignar neste exercicio de 2022 e no de 2023, o que supón o 3,5% dos máis de 302,8 millóns de euros asignados ao conxunto das comunidades e ao Ministerio de Xustiza.

Parte dos fondos europeos Next Generation, en concreto 5,6 millóns de euros,, correspóndense coa aplicación na administración xudicial, no marco do coñecido como Proxecto Cero, para mellorar a interoperabilidade dos elementos dixitais comúns. En concreto, investiranse en melloras da infraestrutura tecnolóxica e na posta en marcha de proxectos de ciberseguridade e de textualización para transcribir a texto actuacións gravadas en audio.

As actuacións que se planifiquen neste ámbito en Galicia formarán parte da folla de ruta da Xunta para axilizar e modernizar a Administración de Xustiza na comunidade. Nesta liña, trala execución dos 2 primeiros Plans Senda, nos que o Goberno galego investiu preto de 50 millóns de euros nos últimos anos, comezará a aplicarse un novo Plan Senda 21-25 co que seguir a consolidar e actualizar a dixitalización da xustiza galega.

Así, xa neste 2022 rematará a dixitalización de tódalas salas de vistas coa implantación de sistemas de videoconferencia en todos os xulgados galegos, que permitirán un funcionamento integramente dixital mediante a exhibición do expediente dixital e a incorporación da gravación da vista ao expediente xudicial.

Por outra banda, os 5,1 millóns de euros restantes dos fondos para Galicia nos próximos 2 anos destinaranse a proxectos de iniciativa autonómica dacordo coas prioridades de cada comunidade. Neste caso, a Xunta empregará os fondos asignados nesta categoría a Galicia para desenvolver solucións propias en materia de xestión procesual que se integrarán cos sistemas doutras comunidades e con iniciativas estatais para unha maior interoperabilidade. Ademais, contémplanse proxectos relacionados coa gravación de actos procesuais, servizos dixitais para a atención á cidadanía e automatización das solucións dixitais prestadas pola Administración de Xustiza, así como sistemas de xestión do persoal empregado público.

O reparto dos fondos entre as comunidades autónomas acordouse en base, sobre todo, ao número de asuntos que manexa cada xulgado. Tamén se tiveron en conta criterios como a taxa de pendencia, a densidade de poboación ou parámetros como o número de partidos xudiciais ou os sistemas de xestión procesual.
 

Imaxes relacionadas