Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras da nova glorieta da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550 ata a Alameda de Noia, cun investimento de 1,1 M€

Executarase unha nova glorieta de 26 metros de diámetro, con calzada de carril único de 6 metros e con beiravías, e cun deseño que ten en conta a presenza de numerosas vivendas na súa contorna

Ademais, mellorarase un treito de 1,3 km da estrada autonómica, renovando a capa de rodaxe da travesía e redistribuirase o ancho da vía co fin de habilitar un itinerario peonil accesible na marxe

Renovaranse as beirarrúas entre a nova glorieta e a alameda, reorganizando a sección da estrada para evitar os aparcamentos indebidos que provocan danos
 

Noia (A Coruña), 25 de marzo de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras da nova glorieta no cruce da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550 ata a alameda de Noia, cun investimento de 1,1 M€.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a vía autonómica para informar do inicio, hoxe, da contratación dunha nova intervención da Xunta na vila de Noia, logo de que no mes de xaneiro fose aprobado o decreto das expropiacións das 2 fincas necesarias para a intervención.

A conselleira avanzou que o obxectivo é iniciar as obras no mes de setembro para que poidan estar rematadas no verán do vindeiro ano, ao ter un prazo de execución de 10 meses. As empresas interesadas neste contrato teñen ata o 20 de abril para presentar as súas ofertas.

Destacou que con estas obras, que atenden unha demanda do Concello, os veciños de Noia terán á súa disposición unha nova glorieta no cruce da Barquiña e disporán de beirarrúas renovadas e dun itinerario peonil accesible por unha das marxes desta estrada autonómica AC-550.

A través desta intervención, a Xunta reforzará a seguridade viaria da intersección en cruz entre a AC-550 e a estrada provincial de acceso ao porto da Barquiña, á altura do Eroski, no quilómetro 71+100. Para iso, habilitarase unha nova glorieta de 26 metros de diámetro, cunha illa interior de 2 metros, calzada de carril único de 6 metros e beiravía interior e exterior. O trazado ten moi en conta a presenza de numerosas vivendas na contorna.

Tal e como sinalou Ethel Vázquez, esa nova rotonda mellorará as condicións de seguridade do cruce da Barquiña e favorecerá os movementos e xiros dos vehículos. Ademais, acondicionaranse os ramais de acceso á glorieta, renovando a capa de rodadura.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que a actuación comprende, tamén, a mellora dun treito da estrada AC-550 ao longo de 1,3 km, entre a glorieta e a alameda de Noia. Está previsto renovar a capa de rodaxe da travesía e a redistribución do ancho da estrada, para habilitar un itinerario peonil accesible nunha das marxes.

A actuación incluirá a renovación de beirarrúas e suporá a reorganización da sección transversal, da estrada, na que a día de hoxe hai un aparcadoiro insuficiente en ambas as marxes, o que provoca que os vehículos suban á beirarrúa e a deterioren. Finalmente, os traballos completaranse coa instalación de sinalización horizontal e vertical e balizamento.

Ethel Vázquez puxo o acento na importancia deste conxunto de actuacións, tanto para mellorar a seguridade viaria e facilitar os movementos de xeito máis cómodo e seguro no cruce da Barquiña, como pola mellora nos desprazamentos a pé dos veciños neste treito de travesía, desde a glorieta ata a alameda.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou outros investimentos da Xunta para mellorar a mobilidade no municipio, como as obras licitadas onte mesmo de conservación da Ponte Ceilán por un investimento de 505.000 €, en beneficio dos veciños de Outes e de Noia.
 

Imaxes relacionadas