Galicia insta ao Goberno central a adoptar unha solución inmediata ao bloqueo do transporte de produtos do mar

Rosa Quintana subliñou que España segue esperando a concreción de medidas de apoio á frota pesqueira ante a suba do gasóleo, mentres que outros estados xa as tomaron hai tempo

Solicitou que se teña en conta o gran esforzo que está a facer o sector ao saír faenar a perdas e sen ter garantido que o peixe poida ter saída comercial como consecuencia da situación de paro no ámbito da distribución

Destacou a iniciativa do Executivo galego ao avaliar a situación do sector cos representantes das principais entidades asociativas da frota galega e da Confederación Mar-Industria Alimentaria desde o primeiro momento co fin de estudar apoios para que poidan manter a súa actividade e desenvolvela de xeito rendible
 

Sada (A Coruña), 25 de marzo de 2022

A Xunta insta ao Goberno estatal a adoptar unha solución inmediata ao bloqueo do transporte dos produtos do mar para que regrese a normalidade aos portos. Así o sinalou hoxe en Sada a conselleira do Mar, Rosa Quintana, na inauguración da V Xornada da Frota do Cerco. Prácticas de pesca sostibles, onde insistiu en que “a frota non pode continuar coa incerteza de se poderá comercializar ou non o seu produto”.
En relación aos compromisos trasladados esta semana por parte do Executivo central ao sector ante a suba do gasóleo e o paro do transporte, a titular de Mar sinalou que se trata “dun bo primeiro paso”, pero incidiu en que son necesarios feitos. Neste sentido, subliñou que, mentres outros estados como Francia, Irlanda ou Portugal, tomaron medidas hai tempo, España segue esperando a súa concreción.
Ademais a conselleira do Mar pediu que se teña en conta o gran esforzo que está a facer o sector ao saír faenar a perdas e sen ter garantido que o peixe poida ter saída comercial como consecuencia do paro do transporte. Esta circunstancia reflicte a solidariedade e vontade do sector marítimo-pesqueiro galego para abastecer de alimento á cidadanía.
A isto engádense as xestións inmediatas da Xunta para “estudar e analizar a situación co fin de aportar as solucións necesarias”, destacou Rosa Quintana. Nesta liña, lembrou, o primeiro que fixo o Executivo galego foi avaliar a situación do sector xunto aos representantes das principais entidades asociativas da frota galega e da Confederación Mar-Industria Alimentaria, co obxectivo de estudar os posibles apoios para que poidan manter a súa actividade e desenvolvela de xeito rendible.
Nestas xuntanzas, explicou, constatouse a necesidade de que o Goberno estatal adopte medidas urxentes e solucións a curto prazo que eviten a perda dunha frota que foi esencial durante a pandemia. Neste sentido, lembrou que Galicia adoptou de xeito inmediato a bonificación do 100% das taxas dos portos galegos durante un mínimo de dous meses.
En contraposición a isto subliñou que o Goberno central segue sen convocar de xeito urxente a Conferencia Sectorial de Pesca que solicitou a comunidade galega e sen atender a petición de medidas específicas para o sector marítimo pesqueiro, un dos máis afectados. Entre elas, a concesión de axudas de mínimis para frotas que non acaden o nivel mínimo de rendibilidade, ou a flexibilidade internanual nas cotas, para que a frota aproveite o ano que vén as posibilidades de captura que non consuma este ano.
A maiores, Rosa Quintana subliñou que as solucións tamén teñen que vir da Unión Europea, á que Galicia demanda unha resposta coordinada e unitaria que evite a paralización da frota e o desabastecemento dos produtos do mar. Neste ámbito expuxo que o establecemento dun marco temporal excepcional nos fondos europeos non é a solución para o curto prazo pois a súa tramitación adoita ser lenta.
A xornada
Este quinto encontro organizado pola Asociación de Armadores de Cerco de Galicia contará coa intervención de expertos, representantes gobernamentais e institucionais que analizarán distintos aspectos relacionados coa certificación MSC, coas capturas accidentais nas pesqueiras de cerco, cos seguros nos barcos pesqueiros e tamén abordarán cuestións sobre a Política Pesqueira Común.
 

Imaxes relacionadas