A Xunta adxudica por case 140.000 € as obras de urbanización dun espazo público en Parada de Sil

Os traballos comezarán despois da Semana Santa e serán financiados nun 70% pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e nun 30% polo Goberno local

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda adxudicou por un importe de case 140.000 euros, IVE incluído, as obras de urbanización dun espazo público no municipio ourensán de Parada de Sil.

A actuación, que se executará nun prazo de catro meses, enmárcase no convenio de colaboración subscrito o pasado mes de setembro entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Parada de Sil e en virtude do cal ambas partes acordaron financiar o proxecto nun 70% e nun 30%, respectivamente.

Tras asinar este mes o contrato coa empresa adxudicataria, a obra acaba de ser replanteada e os traballos sobre o terreo —un solar de forma irregular situado no lugar de Parada de Sil e cunha superficie de algo máis de 2.100 m2— comezarán oficialmente o vindeiro 18 de abril, unha vez pasada a Semana Santa.

A urbanización consistirá na creación dunha área de aparcadoiro con pavimento de sábrego de cemento, lousa e lastro de granito, acorde co ámbito rural no que se encadra, e estará rodeada de zonas verdes con mobiliario e outros servizos urbanos. Para isto, faranse traballos de roza, escavación e nivelación do terreo antes de iniciar as actuacións sobre o pavimento e os bordos, os labores de xardinería e a instalación de bancos, papeleiras, fontes de granito e carteis informativos de pino, entre outros.

Cómpre lembrar que o convenio que posibilitou esta actuación enmárcase nos obxectivos do chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai xa 12 anos para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Neste sentido, cómpre subliñar que o Goberno galego mantén o seu compromiso de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como a que se vai executar en Parada de Sil, contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños. Por esta razón, a Consellería ten reservados nos seus orzamentos deste ano 7 millóns de euros para habilitar ou recuperar equipamentos públicos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Imaxes relacionadas