A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a alcaldesa de Lugo asinaron as escrituras polas que se ceden os espazos públicos da fase II desta área empresarial

A Xunta avanza que o vindeiro mércores se adxudicará por 1,5 millóns de euros as obras de urbanización da fase III das Gándaras

Ángeles Vázquez adianta que este parque se ampliará en máis de 35.000 m2, cos que se facilitarán 25 novas parcelas, que xa foron incluídas no concurso para a adquisición de solo empresarial convocado en febreiro e que se pecha o 30 de marzo

Explica que o prazo de execución das obras é de nove meses, polo que -se non hai incidencias- a finais deste ano ou principios de 2023 deberían estar rematadas

Lugo, 25 de marzo de 2022

A Xunta avanza que o vindeiro mércores, 30 de marzo, celebrarase unha reunión do Consello de Administración de Xestur, onde se adxudicará as obras de urbanización da Fase III do parque empresarial das Gándaras, por 1,5 millóns de euros. Así llo adiantou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, á alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a sinatura das escrituras de cesión das zonas verdes, viarios, aparcadoiros e dominio público da Fase II desta área económica.

Esta nova fase implica aumentar o parque nunha superficie bruta de 55.768 m2, dos cales se destinarán a parcelas 35.424 m2, é dicir, definiranse 25 novas parcelas que os interesados xa poden adquirir presentando a súa oferta ao concurso convocado para a adquisición de solo empresarial -por Xestur en febreiro-, que tamén se pecha o vindeiro mércores.

A conselleira detallou que existen tres parcelas de gran tamaño (dúas de 2.698 m2 e unha de 5.252 m2) e as restantes teñen entre 992 e 1.200 m2, tamén se disporán case 140 prazas de aparcamento.

Asemade, indicou que a proposta que se ratificará o vindeiro mércores fixa un prazo de execución de nove meses; polo que se os traballos avanzan ao ritmo esperando e non se rexistran incidencias, as obras deberán rematarse a finais deste mesmo ano ou principios de 2023.

Ángeles Vázquez destacou que esta zona do concello de Lugo ten mudado moito desde o ano 2008 cando se iniciaron as obras da primeira fase, na que se construíron 118 parcelas que suman unha superficie de 372.845 m2. Posteriormente, abordouse a segunda fase, que supuxo habilitar 12 novas parcelas en 45.346 m2 e 530 prazas de aparcamento.

“Hoxe a Xunta cede ao Concello as zonas verdes, viarios, aparcadoiros e zona de dominio público da fase 2 deste parque empresarial, terreos que suman un valor de case dous millóns de euros”, destacou Vázquez Mejuto.

Trátase dun ámbito que abarca 52.308 m2, que se distribúen en zonas verdes, viarios e zonas de aparcamento, un praza e catro rúas e que agora -como patrimonio da Administración local- será responsabilidade do Concello o mantemento e conservación.

Por último a conselleira destacou que o parque empresarial das Gándaras é un referente e exemplo de como poñer solo a disposición dos empresarios, pois foise executando por fases e a medida que se detectaba demanda. O investimento mobilizado polo Goberno galego para a materialización das tres fases elévase aos 53 millóns de euros.