A Xunta financia 14 cursos da Fundación Laboral da Construción para formar no sector a 210 persoas desempregadas

O delegado territorial, Javier Arias, explica que se enmarcan nas 162 accións formativas que sufraga a Consellería de Emprego e Igualdade na provincia con 7,3 millóns de euros

Visitou aos alumnos e alumnas que se forman en albanelaría, montaxe de instalacións solares térmicas, pintura industrial ou soldadura, entre outros
 

Lugo, 24 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións da Fundación Laboral da Construción, onde se están a desenvolver cinco dos 14 cursos que lles financia a Xunta no marco do Plan galego de formación para o período 2021-2022.
O delegado explicou que a programación suma na provincia 162 cursos, dos cales 42 están finalizados, 67 en marcha e 53 comezarán proximamente, a maioría entre abril e maio. En total, ofrecen a 2.430 persoas desempregadas a oportunidade de formarse en novas especialidades con boas perspectivas de empregabilidade.
A Consellería de Emprego e Igualdade destina 7,3 millóns de euros a financiar as accións formativas da provincia, que promoven concellos, empresas, academias e diversas entidades, tanto empresariais como do eido sociosanitario e asistencial. “Deste xeito -afirmou Arias- deséñase unha oferta acorde coas demandas do tecido empresarial e do mercado laboral”.
En concreto, a Fundación Laboral da Construción está a impartir actualmente un curso de soldadura que comezou o pasado mes de outubro e rematará o vindeiro día 4; tamén os de fábricas de albanelaría, montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas, pintura industrial en construción, e montaxe e mantemento de infraestruturas de telecomunicacións en edificios, iniciados entre febreiro e marzo e que rematarán entre xullo e agosto.

Igualmente, xa concluíron sete accións formativas, en materias como a montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións, revestimentos, ou mesmo en competencias básicas como a comunicación en lingua castelá e lingua galega. Nas vindeiras semanas comezarán os dous que restan, sobre montaxe de estadas tubulares e soldadura.
A Xunta concede anticipos ás entidades promotoras para facilitar a posta en marcha das actividades, de modo que unha vez iniciada poden ter percibido ata o 60% do importe total concedido.
Arias lembrou que a programación está adaptada ao novo contexto xerado pola covid-19, introducindo como principais novidades a posibilidade de impartir accións formativas mediante aula virtual, a incorporación da teleformación e da formación mixta, ou a inclusión como posibles beneficiarias das persoas traballadoras que fosen afectadas por expedientes temporais de regulación de emprego, entre outras.

Certificado de profesionalidade

Na provincia de Lugo impártense cursos en todas as comarcas. Entre as especialidades incluídas destacan as competencias clave e competencias dixitais, así como formación relacionada coa atención sociosanitaria e cos sectores da construción, automoción, forestal, industria cárnica, comercio e márketing, montaxe de instalacións solares e redes eléctricas, socorrismo, hostalería, actividades auxiliares de agricultura, sistemas industriais ou deseño na industria naval, entre outras.
Os cursos van dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas, aínda que se admite a participación de ata un 30% de persoas traballadores ocupadas, sempre e cando non se cubran as prazas ofertadas para desempregados. Unha vez finalizados, darán acceso a un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Os alumnos e alumnas poden acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego ou da páxina web emprego.xunta.gal, e teñen a posibilidade de elixir a actividade independentemente do lugar de residencia.

 

Imaxes relacionadas