A Xunta abre a convocatoria para optar ao selo de excelencia dos másters universitarios

As universidades do Sistema Universitario de Galicia dispoñen de dous meses de prazo para presentar as solicitudes a esta distinción de calidade

Desde o curso 2019-20 que se implantou esta acción pioneira, son seis os que ostentan este recoñecemento
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

O Goberno galego continúa coa aposta pola calidade académica coa convocatoria, por terceiro ano consecutivo, do selo de Excelencia ao másteres das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG).
O Diario Oficial de Galicia vén de abrir o prazo para optar a esta distinción que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou por primeira vez, de xeito pioneiro, no curso 2019-20.
As tres universidades dispoñen dun máximo de dous meses para que poidan solicitar este selo de calidade que acreditará o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos e que suporá, ademais, unha garantía de futuro para os estudantes. Asemade, a obtención deste selo, que ten unha duración de cinco anos, permite ás titulacións seleccionadas participar do apoio económico contemplado no Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026 que, para este ano, prevé unha achega de 20.000 euros por cada unha delas.

Cada universidade do SUG poderá presentar, como máximo, ata tres solicitudes correspondentes a outras tantas titulacións de máster universitario oficial nas que deben figurar como universidade coordinadora no caso de titulacións conxuntas. Entre os requisitos para solicitar a mención están o de ser títulos de máster universitario de carácter oficial e validez en todo o territorial nacional, e que veñan sendo impartidos por algunha das universidades do SUG de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2017-18, e que continúe impartíndose na actualidade.

Criterios de avaliación

A convocatoria establece unha serie de criterios de avaliación para acceder a esta mención. Así, os aspectos xerais do máster como a taxa de ocupación, entidades públicas e privadas que colaboren directamente co máster, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnado estranxeiro, e a existencia de titorización e mentorización individuais, valoraranse con ata 25 puntos. Tamén con ata 25 puntos se valorarán os resultados do máster, para o cal se terán en conta os resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral e os indicadores externos de recoñecemento (artigos, ránkings).

Con ata 20 puntos, valorarase a estratexia do máster (visión, misión e desenvolvemento futuro, o plan de xestión para os cinco próximos anos académicos e as melloras previstas en caso de obter esta mención), mentres que poderán recibir ata 15 puntos polo plan de estudos (porcentaxe de prácticas no plan de estudos, créditos dedicados a prácticas obrigatorias en empresas, emprego de metodoloxías docentes innovadoras) e polo profesorado do máster con aspectos como os méritos, a adecuación do currículo docente e investigador do profesorado cos contidos e o prestixio e recoñecemento do profesorado procedente doutras universidade sou doutros conferenciantes externos.

Por último, o apartado de Emprendemento, no que se terán en conta aspectos como a existencia ou o compromiso de inclusión dun módulo vinculado directamente cunha formación en emprendemento e autoemprego, permitirá conseguir ata 10 puntos.

Másteres recoñecidos ata o de agora

Nestes momentos son seis os másteres que ostentan este selo de calidade en Galicia. Así pois, no seu primeiro ano de implantación (curso 2019-20) recibiron este selo de calidade o Máster Universitario en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética e o Máster Universitario en Enxeñería Informática, da Universidade da Coruña, e o Máster Universitario en Enxeñería Ambiental, da Universidade de Santiago de Compostela.

A eles sumáronse o curso pasado o Máster Universitario en Bioinformática para Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña, o Máster Universitario en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo e Máster Universitario en Biotecnoloxía Avanzada, título conxunto das universidades de Vigo e Coruña.
 

Imaxes relacionadas