A Xunta licita por 505.000 € as obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550, ao paso polos concellos de Noia e de Outes
Os traballos, que contarán cun prazo de execución 6 meses, reforzarán a seguridade do peón mediante a substitución da varanda actual por unha nova
O proxecto tamén inclúe a optimización da eficiencia enerxética da ponte ao renovar a iluminación apostando pola tecnoloxía LED
As empresas interesadas na execución dos traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de abril
A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns
A Xunta licitou hoxe por importe de 504.725 euros as obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550, ao seu paso polos concellos de Noia e de Outes.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas obras, ás que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de abril.
A ponte onde se localizan as obras obxecto deste contrato sitúase no punto quilométrico 69 da estrada AC-550, unindo os municipios de Noia e de Outes.
A intervención, cun prazo de execución de 6 meses, ten como obxectivo aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda actual por unha nova.
A varanda xa virá fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido.
Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores.
O proxecto tamén inclúe a optimización da eficiencia enerxética da ponte ao substituír a iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.
A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns.