O Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Federación de Aserradoiros e Rematantes de Mdeira de Galicia colaboran para formar os escolares en bioeconomía circular

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria e Fearmaga veñen de asinar un convenio para organizar sesións de contacontos e charlas divulgativas deica o 31 de outubro deste ano, centradas na bioeconomía e na aportación da industria forestal

Enmárcase na medida do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 a prol da divulgación e comunicación da cultura forestal, neste caso concreto, con visitas de colexios ou institutos a centros de formación e experimentación forestal entre outras accións

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de asinar un convenio coa Federación empresarial de aserradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga) para a organización de actividades de divulgación forestal dirixidas a centros educativos. A colaboración, que se materializará dende a Xunta a través do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, suporá a celebración de sesións de contacontos e de charlas divulgativas sobre a bioeconomía circular e sobre a aportación da industria forestal.

Así, o CIF de Lourizán encargarase de contactar cos centros escolares e de elaborar un calendario de visitas. Tamén se ocupará de proporcionar os materiais necesarios para as charlas divulgativas e de contar co persoal preciso para a correcta celebración das diferentes sesións.

Canto a Fearmaga, será quen organice os contacontos centrados no conto dos tres porquiños ‘Maruxa, Xaquín e Fuco difunden a bioeconomía circular’, dirixido aos escolares de educación infantil e primeiro ciclo de primaria que visiten o xardín botánico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Tamén garantirá a difusión das sesións de contacontos que se realicen de xeito virtual.

Así mesmo, organizaranse charlas divulgativas sobre a bioeconomía circular e sobre a aportación da industria forestal dirixidas aos escolares de educación secundaria, centradas na importancia dos bosques dende unha perspectiva social, medioambiental e económica. Cabe engadir que tanto os participantes nas actividades como o profesorado contarán con todo o material necesario para asegurar a correcta divulgación.

Plan Forestal

O convenio enmárcase na medida da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” que aposta por levar a cabo un programa de divulgación e comunicación da cultura forestal, concretamente neste caso, con visitas de colexios ou institutos a centros de formación e experimentación forestal, entre outras accións.

A referida medida persegue mellorar o coñecemento de áreas específicas, tales como percepción, conduta e cambios sociais, para fomentar e desenvolver os produtos e servizos xerados polos montes e procurar un maior coñecemento dos usos tradicionais. Tamén comunicar á sociedade a natureza singular, sustentable e renovable dos montes e dos seus produtos derivados, implicala na política forestal deseñada para Galicia, así como comunicarlle os servizos ambientais que prestan os bosques (protección do chan e ciclo hidrolóxico, mitigación do cambio climático, biodiversidade, configuración da paisaxe, etc.).

Semana forestal

Cómpre lembrar que a Xunta está a celebrar a Semana forestal co gallo do Día Internacional dos Bosques que se conmemorou o pasado luns 21, promovendo plantacións de especies autóctonas en distintos puntos de Galicia.

Organizadas desde os servizos provinciais de Montes e coa participación dos distintos distritos forestais, as plantacións promóvense en colexios ou asociacións. A central da provincia da Coruña foi o luns en Ordes, preto dun treito do Camiño Inglés, mentres a de Ourense será a que culminará a Semana forestal, o vindeiro sábado 26 na Insua dos Poetas do Carballiño. A principal forestación de Lugo terá lugar tamén o sábado, nun monte veciñal en Begonte, en colaboración coa Federación de veciños da provincia, mentres a de Pontevedra se desenvolverá mañá na escola unitaria do Souto, en Moraña.

Departamento:
C. do Medio Rural