A Xunta licita por case 11,5 M€ a urbanización da primeira fase de San Paio de Navia, en Vigo, con máis de 9.600 m2 de zonas verdes

Para acondicionar este polígono, que abrangue máis dun terzo de todo o ámbito, executaranse traballos de pavimentación, sinalización, xardinería, accesibilidade, colocación de mobiliario urbano, instalación e dotación de servizos básicos

Inclúense dúas áreas de xogo e unha de exercicio adaptadas para persoas con diversidade funcional e integradas paisaxisticamente coa contorna, ademais da metade do carril bici proxectado en Navia
 

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia sacou a licitación por 11.453.034,13 millóns de euros, as obras de urbanización do primeiro dos tres polígonos nos que se divide a ampliación do barrio residencial de San Paio de Navia, en Vigo. As empresas interesadas teñen ata o 2 de maio para presentar as súas ofertas.

O obxectivo é acondicionar a chamada fase 1, que abrangue case 100.000 m2 e representa máis dun terzo da superficie de todo o ámbito, mediante traballos de pavimentación, sinalización de vías e semaforización, accesibilidade, xardinería —con 9.600 m2 de zonas verdes e 222 árbores—, equipamento urbano —incluídas dúas áreas de xogo e unha de exercicio adaptadas para persoas con diversidade funcional e integradas paisaxisticamente coa contorna—, e a construción das redes de abastecemento, saneamento, enerxía eléctrica, iluminación, gas e telecomunicacións.

Así mesmo, tamén se acometerá a construción de 1,18 quilómetros do carril bici proxectado en San Paio de Navia, o que supón máis da metade da lonxitude total prevista para esta infraestrutura —2,2 quilómetros—.

Cómpre lembrar que só nesta primeira fase están proxectadas 733 vivendas protexidas —das 1.600 previstas en toda a ampliación—, cuxas obras se poderán ir acompasando ás actuacións de urbanización. Deses inmobles, 207 son de promoción pública; 331 serán levantados por cooperativas e promotores; e 195 corresponden ás permutas de solo.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) licitou en xaneiro a redacción do proxecto e dirección de obra das primeiras 79 vivendas de promoción pública (VPP) deste ámbito e ten prevista a licitación das restantes 128 no vindeiro mes de abril. En total, o investimento estimado para as 207 VPP comprometidas é de 28,5 millóns de euros.

Así mesmo, a Xunta ten preparado o concurso para adxudicar as parcelas dispoñibles no polígono 1 —98 cunha superficie de 22.584 m2— que permitirán construír 331 vivendas.

Con esta licitación, dáse un paso decisivo para avanzar no desenvolvemento da maior bolsa de solo residencial de toda Galicia. Non obstante, as obras de urbanización e as de construción de vivendas non se poderán adxudicar, nin tampouco convocar o concurso de solo, ata que o Concello de Vigo aprobe o proxecto de urbanización do polígono 1.

Dilatación dos trámites e incremento do importe de licitación

Neste sentido, cómpre lembrar que a documentación correspondente á primeira fase da ampliación foi presentada polo IGVS en abril de 2021, pouco antes de que lle foran remitidos tamén os documentos dos dous polígonos restantes. Desde entón, o Concello realizou multitude de requirimentos que foron dilatando a tramitación e, nalgúns casos, mesmo supuxeron cambios de criterio ou a inclusión de elementos que non foran requiridos polo Goberno local con anterioridade.

Así, para adaptarse á preferencia manifestada polo Concello, a Xunta aceptou cambiar toda a rede de abastecemento de polietileno a fundición, un xesto de boa vontade co fin de tentar desbloquear a tramitación dos proxectos. De igual xeito, o IGVS tamén se adaptou ás preferencias manifestadas a posteriori polo Concello con relación á capa de rodadura dos viarios, incrementando o seu espesor por encima do que esixe a normativa.

Estes dous cambios solicitados polo Goberno local, máis aló das esixencias legalmente establecidas, obrigaron aos redactores a facer novos cálculos e adaptar os tres proxectos orixinais, ademais de carrexar un aumento dos custos previstos inicialmente que, sumado á suba experimentada polos materiais de construción, ascende en total a 2,4 millóns de euros.

Así, cando en abril do ano pasado o prezo base de licitación estimado para urbanizar as tres fases da ampliación era de 24,6 millóns de euros, agora suma xa 27 millóns de euros, case un 10% máis.

O novo ámbito residencial de San Paio de Navia abrangue unha superficie total de 265.000 m2 no que se prevé realizar un investimento público-privado de 250 millóns de euros co fin de habilitar un total de 1.600 novas vivendas protexidas.

 

Imaxes relacionadas