A Xunta resalta que a tradición hospitalaria do Camiño reforza a marca Galicia como destino seguro

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, impartiu a conferencia “Xacobeo. Un Camiño a Galicia” no marco das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio da Escola Naval de Marín

Rueda recordou as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para dar seguridade aos turistas na pandemia e confiou en que esas medidas reforcen a imaxe de Galicia como refuxio perante as novas incertezas provocadas por un escenario internacional convulso

Marín (Pontevedra), 23 de marzo de 2022

No marco da conferencia Xacobeo. Un Camiño a Galicia, impartida na Escola Naval de Marín dentro das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou que a tradición hospitalaria do Camiño de Santiago reforza a marca Galicia como destino seguro.
Rueda recordou que as rutas xacobeas foron, ao longo da historia, refuxio e asilo para peregrinos afectados por diferentes doenzas que non só eran socorridos nos albergues e hospitales espallados polo Camiño senón que tamen “confiaban na indulxencia do Apóstolo para curar os males do corpo e da alma”. O vicepresidente primeiro recordou que agora, “en tempos de incertezas como a pandemia ou o conflito bélico”, facer o Camiño volvía a ser un refuxio que reforzaba a marca Galicia como destino seguro.
Na súa intervención, o responsable de Turismo do Goberno galego recordou as iniciativas postas en marcha pola Xunta para dar seguridade aos turistas na pandemia, e confiou en que esas medidas postas en marcha o ano pasado, xunto coas habilitadas este ano, xerasen confianza nos turistas perante un escenario internacional convulso polo conflito bélico e a crise económica. “Camiñar a Galicia é unha alternativa segura”, recalcou.
Alfonso Rueda recordou as accións postas en marcha para reactivar o turismo nos peores meses da pandemia, como as axudas por valor de 120 millóns de euros das que se beneficiou o sector ou as campañas para reactivar a mobilidade interna cando estaban en vigor as restricións, como Elixe Galicia ou o bono turístico, unha campaña que vén de repetir o éxito do ano pasado na terceira convocatoria que saíu esta semana e que rexistrou nas primeiras doce horas ata 20.000 solicitudes.
En canto se levantaron os peches perimetrais, a Xunta lanzou a campaña “Camiña a Galicia” enfocada ao mercado nacional. Todas esas iniciativas, xunto coa oferta de calidade que ofreceu Galicia e que coincide coa demanda do turista logo da pandemia, foron quen de colocar á comunidade autónoma no liderado da recuperación turística en España, 22 puntos por riba da media nacional.
Coa intención de recuperar o turismo internacional no segundo ano do Xacobeo, a Xunta deseñou unha atractiva programación e puxo en marcha o Plan Camiña, con novas axudas ao sector e campañas para poñer en valor o destino Galicia. Alfonso Rueda indicou que, malia as inestabilidades que poden afectar ao sector, especialmente no ámbito internacional, a Xunta confía nas fortalezas de Galicia como destino seguro para acaparar viaxeiros convencidos polo atractivo do Xacobeo.

Imaxes relacionadas