A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda respondeu esta tarde a unha pregunta no Pleno sobre a tramitación do texto lexislativo

Ángeles Vázquez lamenta que a futura Lei de vivenda estatal "ensombrece un momento crucial" para esta materia e anuncia que será recorrida pola Xunta

A responsable autonómica censura que o Goberno central impulsara esta norma “de costas ás comunidades e ás súas competencias” e que siga adiante ignorando o rexeitamento expreso do Poder Xudicial ou do Consello Galego da Competencia

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lamentou hoxe que a Lei de vivenda estatal estea a “ensombrecer un momento crucial” para esta materia, cunha trintena de axudas e cos fondos europeos en marcha, ademais de estar a provocar unha “gran preocupación”.

Por este motivo, anunciou que a Xunta recorrerá ante a Xustiza o proxecto lexislativo, unha norma que actualmente se está a tramitar no Congreso dos Deputados e que Galicia considera inconstitucional e intervencionista.

Durante unha resposta parlamentaria no Pleno, a conselleira subliñou que o Goberno galego leva meses advertindo de que a lei impulsada polo Goberno central “invade competencias autonómicas exclusivas” nesta materia ao regular “de xeito unilateral”, entre outros aspectos, a vivenda protexida, a xestión do parque residencial de titularidade autonómica ou os períodos de protección que afectarán a todo o parque público.

Por iso, xustificou a decisión da Xunta de acudir á vía xudicial para frear un texto elaborado polo Goberno central “de costas ás comunidades e ás súas competencias” e que contou por este motivo co rexeitamento expreso de Galicia, Andalucía, Madrid, Castela e León ou Murcia, pero contra a que tamén se pronunciaron outros organismos.

Neste sentido, a conselleira lembrou que no mes de xaneiro o Consello Xeral do Poder Xudicial emitiu un informe desfavorable sobre o proxecto de lei ao concluír que invade competencias autonómicas en materia de vivenda.

Un rexeitamento ao que se sumou máis recentemente o Consello Galego da Competencia, neste caso, por considerar que introduce medidas “claramente ineficientes” para facilitar o acceso dos cidadáns a un fogar e que a limitación dos prezos do alugueiro pode ser unha intervención “contraria” ás leis da competencia, con posibles “efectos perversos”.

“A vivenda é unha materia de titularidade autonómica. Así o reforza a xurisprudencia do Tribunal Constitucional”, argumentou a conselleira.

Sen embargo, engadiu, o Goberno central decidiu seguir adiante, “ignorando” as alegacións da Xunta e a súa petición de retirada da norma e incluso pasando por alto, “por primeira vez”, un informe negativo emitido polo Poder Xudicial sobre unha lei estatal.

Ao respecto, a conselleira lembrou que o pasado 10 de marzo a Lei de vivenda superou a súa primeira votación no Congreso a pesar de que cinco grupos parlamentarios solicitaran a devolución do texto ao Goberno central. Polo tanto, o proxecto lexislativo, segundo indicou, seguirá coa súa tramitación nas Cortes en contra da opinión manifestada por varias Comunidades, entre elas Galicia.

Neste sentido, subliñou a postura “clara e invariable” defendida pola Xunta desde o primeiro momento en contra dunha lei “inconstitucional, intervencionista e que non beneficia a ninguén”. Por iso, emprazou a todos os grupos galegos presentes no Congreso a definir “coa mesma claridade” cal é a posición que van defender nunha materia clave como é a vivenda e que o Estado pretende regular “pola súa conta e sen escoitar a Galicia”.

Imaxes relacionadas