A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre a situación da frota pesqueira galega

Galicia urxe ao Goberno central a adoptar medidas inmediatas de apoio ao sector pesqueiro ante o actual contexto de crise económica

Rosa Quintana expuxo que a Xunta traballa nas medidas que é posible aplicar desde Galicia como a bonificación do 100% das taxas dos portos galegos durante un mínimo de dous meses

O Executivo galego e o sector tamén constataron a necesidade de que o Executivo estatal adopte apoios conducentes á rebaixa dos prezos dos combustibles ou actuacións con resultados semellantes como fixeron outros países europeos

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta está a traballar nas medidas que é posible aplicar desde Galicia para apoiar á frota pesqueira e urxiu ao Goberno central a adoptar medidas de xeito inmediato para facer fronte á suba dos carburantes, á folga do transporte e ás consecuencias da guerra en Ucraína.

A titular de Mar lembrou que nos últimos días mantivo reunións coas entidades representativas da frota pesqueira e da industria transformadora para analizar a evolución da súa actividade nas que se abordaron medidas de carácter autonómico como a bonificación do 100% das taxas dos portos galegos durante un mínimo de dous meses. Esa medida engádese a outras como a axilización do abono das axudas concedidas ao sector, de forma análoga ao que se fixo durante a pandemia pola covid-19.

Rosa Quintana incidiu en que a Xunta e o sector tamén constataron a necesidade de que o Goberno central adopte medidas urxentes como apoios conducentes á rebaixa dos prezos dos combustibles ou actuacións con resultados semellantes -como fixeron outros países europeos-, a concesión de axudas de mínimis ás empresas ou a flexibilidade interanual nas cotas, para que a frota aproveite o ano que vén as posibilidades de captura que non consuma este ano.

A conselleira aseverou que non se pode esperar ata o día 29 para adoptar medidas, pois pode ser tarde para moitas empresas, e subliñou que o establecemento dun marco temporal excepcional nos fondos europeos non é a solución para o curto prazo pois a súa tramitación adoita ser lenta.

Mellora da eficiencia

A representante do Executivo galego lembrou ademais que a Xunta leva traballando desde 2009 na mellora da eficiencia enerxética do sector marítimo-pesqueiro a través de distintas liñas de apoio específicas ao abeiro dos fondos europeos.

Neste sentido, especificou que o orzamento total destinado ás convocatorias de axudas deste ano para o sector transformador de produtos do mar e a produción de cultivos mariños é de 30 millóns de euros. No caso das axudas específicas para buques destinadas a cambios de motores e eficiencia enerxética, a cantidade destinada na convocatoria de 2022 é de preto de 2 millóns de euros. Ademais a titular de Mar subliñou que nestas liñas de apoio sempre foron aprobadas todas as solicitudes de axuda que cumpriron os requisitos.