A Xunta destaca o talento e creatividade da mocidade para transmitir coa danza ideas e valores universais

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 23 de marzo de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, coñeceu esta mañá aos participantes no proxecto europeo Dance For Everybody, que a Asociación xuvenil Arousa Moza está levando a cabo estes días no albergue das Sinas, e que involucra a preto de 40 mozas e mozos de distintos países nun curso de formación para expresar ideas e valores a través da danza. Os participantes son persoas mozas procedentes do resto de España, Turquía, Italia, Grecia, Chipre e Romanía.

A finalidade deste proxecto é concienciar sobre a importancia da inclusión social, en especial en esferas de inmigración, discapacidade e diferenzas relixiosas ou culturais a través da realización de actividades relacionadas coa danza. O curso, de dez días de duración, permitirá empregar esta disciplina como ferramenta para a transmisión de coñecementos e achegar esta temática á xente moza.