O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe varias preguntas dos grupos no Pleno do Parlamento

Conde asegura que a industria electrointensiva non pode esperar máis por un prezo eléctrico que garanta a viabilidade de empresas como Alu Ibérica

Destaca que o Goberno segue sen poñer sobre a mesa un marco enerxético competitivo que permita que se poida seguir producindo aluminio primario en España

Subliña que, a través da Oficina Técnica, a Xunta vai velar por que o Goberno ofreza un trato xusto a Galicia no Perte de automoción e non esqueza que a comunidade é líder en España cunha produción do 23,6 % en 2021

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reclamou hoxe ao Goberno central que aprobe xa un prezo eléctrico que garanta a viabilidade de Alu Ibérica e do conxunto da industria electrointensiva, que está a sufrir paros na actividade polo alto prezo da enerxía e a falta de subministracións.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Conde criticou que o Goberno está sendo incapaz de poñer freo ás consecuencias dunha transición enerxética abrupta agravada agora pola guerra en Ucraína. E que tampouco está sendo quen de poñer en marcha de forma inmediata un plan de choque que preste especial atención á fiscalidade dos produtos enerxéticos mentres dure a escalada de prezos.

Segundo dixo, o Executivo central segue sen poñer sobre a mesa un marco enerxético competitivo que permita que se poida seguir producindo aluminio primario en España. A industria electrointensiva española, dixo, esta semana paga de media 228,73 €/MWh. Isto é: máis do dobre que en Francia e un 18,1 % máis que en Alemaña, o que supón xa o 75 % do coste total de produción. Ademais, coa aplicación dos seus respectivos marcos enerxéticos, mentres en Francia o prezo final baixa en 26 euros e en Alemaña en 27 euros, en España sobe en máis de dez euros.

O futuro de Alu Ibérica precisa a implicación de todas as partes para converter a fábrica da Coruña nunha planta de aluminio verde na que prime a economía circular, aseverou Conde. Nese sentido, avogou por que o Goberno escoite a petición dos traballadores e do propio Parlamento de Galicia sobre acometer, de ser necesario, unha intervención temporal da fábrica a través da SEPI, ata que se atope un investidor. De feito, a Xunta elaborou da man do persoal da empresa un caderno de vendas que foi entregado ao Goberno e ao administrador concursal.


Automoción

Conde asegurou que a maior preocupación é como facer fronte a uns prezos enerxéticos nunca vistos e como conseguir materias primas que son vitais para a industria e o sector primario. Unha situación que se traslada, tamén, ao sector da automoción, sobre o que foi tamén interpelado.

O vicepresidente económico sinalou que o reto está en que Galicia se consolide como punto de referencia internacional en mobilidade conectada e eléctrica e, para iso, a Xunta seguirá ao lado do sector galego da automoción para que AutoÁncora —que suma un investimento público-privado de 1200 M€— consiga o apoio que merece. Agora, a través da Oficina Técnica, a Administración autonómica vai velar por que o Executivo central ofreza un trato xusto a Galicia e non esqueza que a comunidade é líder en España cunha produción do 23,6 % en 2021, pois ata o momento a súa postura foi a de apoiar proxectos de fábricas de baterías noutras autonomías, lembrou.

Neste sentido, sobre a negativa do Goberno de incluír na planificación da REE para 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de transporte de 220 kV, así como a subestación eléctrica de Balaídos, manifestou que as expectativas non son boas porque esta infraestrutura é clave para a competitividade do resto da industria de Vigo, así como para mellorar a calidade do servizo que se ofrece aos fogares desta cidade.
Conde precisou, ademais, que para o futuro do sector será clave que España participe no Plan Europeo de Semiconductores, e non perder esta carreira como fixo o Goberno coa fábrica de baterías.

Naval

En resposta a dúas preguntas sobre a situación de Navantia e Barreras, o vicepresidente económico manifestou que a Xunta celebra que o Goberno, por fin, se comprometa coa execución das fragatas F-110, ante a falta de carga de traballo asignada a Navantia Ferrol nos últimos anos, coas gradas baleiras desde agosto e tendo en conta, ademais, que o impacto no emprego e na industria auxiliar non se notara ata 2023. Nesta liña, lembrou que o Executivo central aínda non se pronunciou con respecto ao Pacto de Estado por Ferrol que se lle propuxo hai preto dun ano no que a Xunta de Galicia leva investidos máis de 80M€ durante o 2021.

Con respecto a Barreras, avogou por unha proposta que inclúa unha oferta viable a longo prazo, ao entender que é a mellor garantía posible para o futuro mantemento do emprego.

Conde tamén saudou a aprobación do Perte para o sector naval, se ben, recoñeceu que aínda se descoñecen as bases da convocatoria e os criterios para a selección dos proxectos, un paso previo necesario para que Galicia poida avanzar na elaboración da súa candidatura público-privada e impulsar os proxectos que permitan a transformación e diversificación dos estaleiros galegos. A maiores, lembrou que a Xunta solicitou ao Goberno que asegure a inclusión do sector da construción naval na liña de incentivos económicos rexionais.

Imaxes relacionadas