A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, abordou coa alcaldesa, Dolores Castro, a situación do municipio tras o desprendemento producido o pasado domingo na LU-651

A Xunta realizará unha declaración de emerxencia para restablecer a circulación entre Folgoso do Courel e Quiroga e garante que acometerá a solución máis rápida e segura coa máxima axilidade posible

Vázquez Mourelle salienta que a Xunta traballa desde o primeiro momento para ofrecer, canto antes, unha solución segura para restablecer a circulación con plenas garantías

Avanza que os técnicos están a avaliar catro alternativas: a construción dun viaduto sobre o trazado da estrada desprendida, a construción dun novo trazado en falso túnel ou en desmonte e a execución dun túnel máis afastado

Apunta que todas as solucións son complexas nun territorio de montaña que é parte da Rede Natura, polo que os traballos se poden demorar arredor de 18 meses

Compromete o traballo da Xunta para simplificar e reducir trámites e prazos ao máximo e acometer a solución máis rápida e segura para recuperar o acceso principal ao Courel

Sinala que as causas do derrube parecen claras e avanza que a Administración autonómica actuará con axilidade asumindo as actuacións, depurando despois responsabilidades en función do resultado da investigación

Traslada que se decidirá de forma coordinada co Concello a programación das obras xa contratadas para acondicionar a estrada entre Ferrería Vella e Seoane, que fan precisos tamén cortes na estrada

Folgoso do Courel (Lugo), 23 de marzo de 2022

A Xunta realizará unha declaración de emerxencia para restablecer a circulación entre Folgoso do Courel e Quiroga e garante que acometerá a solución máis rápida e segura coa máxima axilidade posible.
Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, á alcaldesa, Dolores Castro, na reunión mantida para abordar conxuntamente a situación na principal vía de acceso ao Courel desde Quiroga, cortada ao tráfico desde o pasado domingo a mediodía como consecuencia do desprendemento rexistrado á altura do quilómetro 18 da estrada LU-651, entre Santa Eufemia e Folgoso.

No encontro, Ethel Vázquez garantiu o compromiso da Xunta de facer todo o posible para restablecer a circulación no tempo máis breve posible ante os problemas que supón para este municipio, para os seus veciños e para os seus visitantes, o corte da vía que comunica Seoane e Folgoso con Quiroga.
Neste sentido, incidiu en que a Xunta non vai a escatimar nin traballo nin recursos, para facer o que faga falta para restablecer o acceso viario a Folgoso do Courel, que, advertiu, vai ser prolongado polo alcance dos danos, podéndose demorar os traballos arredor de 18 meses.

A titular de Infraestruturas indicou que o departamento que dirixe está a traballar xa desde o primeiro minuto, avaliando a situación, analizando o estado do terreo, con labores topográficos e xeotécnicos, e estudando as alternativas posibles para restablecer a comunicación viaria entre Quiroga e Folgoso.

Precisou que quedan días de traballo por diante, no que se debe ser rigorosos na análise técnica, porque se ten que garantir unha solución segura para restablecer a circulación con plenas garantías, para o que cómpre coñecer ben o estado no que se atopa o terreo.

A conselleira sinalou que nestes momentos se barallan catro alternativas como posibles solucións prioritarias: a execución dun viaduto para salvar o treito da vía desprendido; a execución dunha vía de novo trazado, que á súa vez podería ser en falso túnel ou en desmonte; ou a construción dun túnel máis afastado. Apuntou que todas as solucións son complexas, por estar nun territorio de montaña, con grandes valores naturais protexidos como parte da Rede Natura.

En todo caso, comprometeu o traballo da Xunta para simplificar e reducir ao máximo os trámites e os prazos para restablecer o tráfico entre Folgoso do Courel e Quiroga. A Xunta, engadiu, acometerá a solución que antes permita recuperar o acceso principal ao Courel e tamén a solución máis segura.

Vázquez Mourelle explicou que as causas dos danos sufridos na vía autonómica, que produciron un socavón de 200 metros, apuntan ao colapso dunha das galerías subterráneas da canteira de lousa que se atopa nas proximidades. A este respecto afirmou que desde a Xunta se realizarán as indagacións oportunas e se exixirán as responsabilidades que correspondan, pero avanzou que a Xunta actuará coa máxima axilidade e asumirá as actuacións, imputando despois o gasto a posibles responsables.

Manifestou o alivio pola ausencia de danos persoais, nin de condutores nin de traballadores da canteira no momento do sinistro. Mentres non se solucione o problema, a circulación realizarase pola vía alternativa que pasa polas localidades de A Campa e Vidallón, solución empregada como vía principal nas obras de acondicionamento da LU-651 entre 2007 e 2009.

Ethel Vázquez tamén se referiu ás obras de acondicionamento que a Xunta ten programado iniciar esta primavera entre Folgoso e Seoane, concretamente entre Ferrería Vella e Seoane, xa adxudicadas, e na que se vai investir 3,4 M€. A este respecto indicou que, tendo en conta que a súa execución fai necesario un corte da estrada nese treito, o Goberno galego decidirá de forma coordinada co Concello a programación das obras.

Imaxes relacionadas