A Xunta recibe 19 ofertas para mellorar o saneamento en 5 novos núcleos das parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra, cun investimento de 1,3 M€

Esta nova intervención iniciarase a finais do verán co obxectivo de ter os traballos rematados no 1º cuadrimestre de 2023, xa que contan cun prazo de 7 meses

A Xunta financiará o 80 % da nova instalación e contratará, dirixirá e executará as obras, mentres o Concello asume a posta á disposición dos terreos necesarios, ademais de cofinanciar o 20 % restante

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

A Xunta recibiu 19 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do saneamento en 5 novos núcleos das parroquias de San Mamede e Santa Cruz de Ribadulla, en Vedra, que suporán un investimento de case 1,3 millóns de euros.

Esta actuación correspóndese coa 3ª fase de mellora do saneamento do municipio, e as obras prevén iniciarse a finais de verán para rematalas no 1º cuadrimestre de 2023, ao contar cun prazo de execución de 7 meses.

A Xunta asumirá o financiamento do 80 % da nova instalación e contratará, dirixirá e executará as obras, mentres o Concello asume a posta á disposición dos terreos necesarios, ademais de cofinanciar o 20 % restante. A actuación está confinanciada polo Fondo Agrícola de Desenvolvemento Rural, FEADER, 2014-2020.

Actuacións obxecto do contrato

A intervención completa a mellora do saneamento do municipio, dando solución de saneamento a vivendas de 5 núcleos das parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla que carecen de sistema de depuración e verten directamente á cuneta. Trátase, concretamente, de mellorar o saneamento dos núcleos de Outeiro, A Lagoa, Sete, Angustín e Agrelo.

Para iso, executarase unha rede separativa que recolla as augas fecais destes núcleos, levándoas ata a depuradora de Neira, preparada para que poida asumir a depuración de máis poboacións.

Ampliarase a rede proxectada inicialmente, cun novo ramal que recollerá as augas residuais de Agrelo e os tramos que conectan unhas vivendas de Rozadela e outras próximas ao campo de fútbol.

Para os núcleos de Outeiro e A Lagoa, prevese unha estación de bombeo que descargará nun pozo de rede xa existente.

A impulsión prevista levará as augas desde a estación de bombeo ata unha cámara de rotura de carga, desde a que un tramo de colector por gravidade descarga na rede actual.

Executaranse máis de 5 km de colectores de gravidade, máis de 400 metros de impulsións e 194 pozos, o que posibilitará dar servizo a unha poboación de 500 habitantes.

Actuación anteriores

Os traballos obxecto deste contrato engádense a outros executados en anos anteriores en parroquias como Tomonde ou Neira e tamén en distintos núcleos das parroquias de San Mamede e de Santa Cruz de Ribadulla, cun orzamento de 1 M€ o que, sumado ao actual, supón un investimento global de 2,3 M€.

A Xunta xa acometeu a instalación dunha rede de colectores e a execución dunha nova depuradora no núcleo de Neira que, nunha segunda fase, se dotou dun novo equipo de bombeo para incrementar a súa capacidade e permitir a incorporación da depuración de novos núcleos.

A contratación desta nova intervención enmárcase na aposta da Xunta por apoiar aos concellos máis pequenos nas súas responsabilidades municipais de abastecemento, saneamento e depuración.