Fabiola García insta a respectar a negociación colectiva entre traballadores de residencias e as empresas para que poidan chegar a acordos

Sinalou que as organización sindicais veñen de solicitar ao Consello de Relacións Laborais que o mediador actúe de oficio, este aceptou e convocou ás dúas partes a unha xuntanza para referendar unha solución

Puxo en valor que a Xunta de Galicia vén de poñer en marcha o primeiro Plan de formación continuada dos servizos sociais da historia de Galicia
 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, instou a non interferir na negociación colectiva entre traballadores de residencias e as empresas, para que poidan chegar a acordos. Fíxoo esta mañá no Pleno do Parlamento de Galicia, nunha resposta a unha interpelación sobre o persoal das residencias de maiores.

Fabiola García recordou que na negociación dun convenio colectivo a Xunta de Galicia non participa, por iso subliñou que o Goberno galego respectará os acordos aos que cheguen as partes implicadas sen interferencias.

Así, a conselleira explicou que as organización sindicais veñen de solicitar ao Consello de Relacións Laborais que o mediador actúe de oficio —algo que só sucede en ocasións de grande relevancia pública—, este aceptou e convocou as dúas partes a unha xuntanza para refrendar un acordo.

Plan de formación

Ademais, Fabiola García puxo en valor as políticas que está levando a cabo a Xunta de Galicia dentro das súas competencias para mellorar o sector residencial. Neste sentido, subliñou que se está avanzar na capacitación dos profesionais que traballan nos centros de servizos sociais.

A conselleira destacou que a Administración autonómica vén de poñer en marcha o primeiro Plan de formación continuada dos servizos sociais da historia de Galicia. Trátase dunha “iniciativa formativa sen precedentes”, remarcou, que está destinada aos profesionais dos centros de día, de menores sociocomunitarios e tamén aos das residencias de maiores.

Este plan compono un completo programa de 300 actividades, que suman 600 horas e que van dirixidas a 10.000 profesionais de todos os centros, teñan a titularidade que teñan. Ten modalidade presencial e online, e está destinado a todas as categorías profesionais: auxiliares, persoal de limpeza, traballadores sociais, de enfermaría, médicos, fisioterapeutas ou inspectores, entre outros.

Novo modelo

Esta aposta pola capacitación do persoal contémplase dentro do novo modelo residencial, no que se establece a necesidade de que todos os centros conten cunha oferta formativa anual adecuada ás necesidades e retos do seu persoal.

Esta proposta líder en España para mellorar o sistema residencial de Galicia, basease en catro grandes piares: a humanización do trato e a formación continuada; o aproveitamento do potencial que ten a tecnoloxía para perfeccionar a atención ás persoas maiores; as melloras na coordinación entre a sanidade e os servizos sociais; e as reformas estruturais que se comezarán a aplicar en todas as residencias de nova construción.
 

Imaxes relacionadas