Galicia aposta polo cultivo sustentable e competitivo de produtos do mar para responder á demanda de consumo

A comunidade galega defende que a Unión Europea debe favorecer o desenvolvemento sustentable deste sector como parte dunha estratexia xeral que garanta a seguridade alimentaria no marco do Pacto Verde Europeo

Rosa Quintana deu conta do peso fundamental que ten a actividade acuícola na economía galega en termos de xeración de emprego, de crecemento sustentable, innovación tecnolóxica e seguridade alimentaria

Destacou o respaldo da Xunta a Aquafuture Spain 22 e a súa presenza neste certame para apoiar ás pequenas e medianas empresas que queren ampliar o seu negocio a mercados internacionais e a aquelas xa consolidadas que desexan presentar novos produtos e servizos
 

Silleda (Pontevedra), 23 de marzo de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, manifestou hoxe a aposta de Galicia polo cultivo de produtos do mar para “dar resposta aos desafíos das novas formas de alimentación sen perder de vista a protección dos recursos naturais”. De feito, expuxo, a comunidade galega leva anos traballando na diversificación do sector e na súa complementariedade con outras actividades da cadea mar-industria co obxectivo de afrontar eses retos.

Un labor, especificou, que se materializou na proposta de base para a análise e ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da Política Común de Pesca. Así o sinalou durante a inauguración do I Salón Internacional da Industria Acuícola Aquafuture Spain 22, onde explicou que nese traballo Galicia defende a importancia de que a futura reforma teña en conta a promoción do desenvolvemento sustentable da acuicultura, en concreto, dos sectores marisqueiro, mexilloeiro e da piscicultura.

Nesta liña, a titular de Mar aproveitou Aquafuture Spain para reivindicar que a Unión Europea debe favorecer o desenvolvemento sustentable deste sector como parte dunha estratexia xeral que garanta a seguridade alimentaria no marco do Pacto Verde Europeo.
Ademais a conselleira deu conta do peso fundamental que ten a actividade acuícola, na que se inclúe o mexillón, na economía galega e destacou o seu valor na xeración de emprego pois nela traballan máis de 5.600 persoas e tamén en termos de crecemento sustentable, innovación tecnolóxica e seguridade alimentaria. Tamén puxo de relevo o papel esencial da produción de proteína mariña na seguridade alimentaria europea e a baixa pegada de carbono da súa produción.

Aquafuture Spain

En relación a este salón, que acolle Silleda e se estenderá ata este venres 25 de marzo, Rosa Quintana destacou que se trata da primeira feira nacional e internacional con esta temática que se celebra en España desde ACUI, hai xa máis dunha década. Este certame, engadiu, sitúase a carón doutras feiras moi importantes do sector como Aquanor, en Noruega, e Aguafarm, en Italia, e representa un apoio á consolidación da competitividade do sector galego.

Ademais a conselleira destacou o apoio do Executivo galego a este salón e a súa presenza no certame, no que conta cun posto de máis de 200 m2 que alberga a 10 expositores e no que se presentarán diferentes iniciativas, como o Foroacui, e se celebrará a charla Innovación aberta aplicada á industria: casos de éxito, da man de Inxenia. Ademais hoxe a titular de Mar participará na presentación da Asociación de Produtores de Acuicultura de Galicia (APAC).

Con esta presenza, explicou Rosa Quintana, a Xunta amosa o amplo respaldo ás pequenas e medianas empresas que queren ampliar o seu negocio a mercados internacionais e a aquelas xa consolidadas que desexan presentar novos produtos e servizos.


O Salón Internacional da Industria Acuícola, Aquafuture Spain, conta cunha ampla exposición comercial –foron necesarias ata catro ampliacións do plano inicial do espazo expositivo– a través da participación de 152 empresas de 23 países tanto de Europa como de Asia, Latinoamérica, Norteamérica ou Sudáfrica, ademais de organismos oficiais e institucións públicas.

O certame compleméntase cun amplo programa de xornadas técnicas impartidas por varios conferenciantes e con temáticas de grande interese, co obxectivo de promover a innovación e a transferencia de coñecemento. Así, durante estes días levaranse a cabo no recinto feiral de Silleda seis mesas redondas con conferenciantes nacionais e internacionais, que se poderán seguir de maneira presencial e telemática, e 24 charlas que servirán ás empresas expositoras para presentar os seus novos produtos ao público asistente.


Aquafuture conta tamén cun espazo de demostración e degustación de pratos elaborados con produtos acuícolas como o Mexillón de Galicia, a ameixa de Carril, algas ou troitas, mostrando así a súa aplicación na cociña tradicional e na moderna.

Imaxes relacionadas