O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para proxectos de acción humanitaria no exterior

A Xunta destinará 400.000 euros a unha convocatoria pública de acción humanitaria a través da cal as ONGD galegas poderían canalizar axudas a Ucraína

As solicitudes poderán presentarse no prazo ata o vindeiro 25 de abril
 

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2022

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria. A convocatoria ten carácter anual e a súa dotación ascende a 400.000 €.
Os proxectos que poderán optar a estas subvencións serán aqueles executados no exterior polas ONGD que posúan entre os seus fins a acción humanitaria ou conten con experiencia no desempeño de actuacións neste ámbito. Os proxectos terán unha duración máxima de 12 meses, rematando a súa execución antes do 31 de decembro de 2022 e podendo estar iniciados dende o 1 de xaneiro do 2022. Cada entidade pode presentar un proxecto individual.
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado dende o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación remata o 25 de abril de 2022.
Esta convocatoria enmárcase no cumprimento do IV Plan director da Cooperación Galega, prorrogado no 2022, no que se identifica a Axuda Humanitaria e de Emerxencia como un dos seus ámbitos estratéxicos. Igualmente, o Plan anual 2022 da Cooperación Galega recolle a convocatoria destas axudas.
Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte á iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés), aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises - provocadas por seres humanos ou por desastres naturais -, así como os destinados á prevención e reforzo da capacidade de resposta e a resiliencia para cando se produzan estas situacións. Por esa razón, serán elixibles aqueles proxectos que as ONGD galegas presenten para atender a crise ucraína.
A acción humanitaria inclúe a protección de vítimas, así como a provisión de auga, comida, saneamento, refuxio, atención sanitaria e outros tipos de asistencia, emprendidos a favor das persoas afectadas, para facilitar o retorno á vida normal e aos seus medios de vida e sustento; tamén incorpora a redución e prevención do risco de desastres.
Así mesmo, no actual contexto da pandemia provocada pola Covid-19, considerarase fundamental reforzar os sistemas de saúde a través da provisión de recursos materiais, infraestruturas adaptadas, protocolos de actuación e formación e apoio psicosocial para persoal de saúde, para rematar coa transmisión do virus e prever e tratar futuras crises sanitarias e pandemias; reforzar os sistemas de protección social, promover o exercicio dos dereitos sociais básicos e mitigar o impacto socioeconómico desta crise.