Fabiola García salienta a coraxe e os valores da refuxiada afgá Nadia Ghulam, quen compartiu a súa experiencia nos módulos Nelson Mandela

Agradeceulle as visitas que realizou esta semana aos participantes no proxecto de inclusión que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está a levar a cabo nas prisións da Lama e Teixeiro

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou hoxe a coraxe e os valores que pon en práctica cada día a refuxiada afgá Nadia Ghulam, coa que mantivo un encontro no seu despacho de San Caetano. Durante a xuntanza, agradeceulle persoalmente que compartira a súa experiencia cos participantes nos módulos Nelson Mandela das prisións da Lama e Teixeiro.

Ao longo das mañás de onte e hoxe, Nadia Ghulam achegou a súa historia persoal e vital aos reos que forman parte do proxecto de inclusión que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está a levar a cabo tanto no cárcere pontevedrés como no coruñés, cuxo obxectivo é preparar os participantes para a liberdade, e que se desenvolven no marco da Estratexia de Inclusión Social de Galicia, financiada con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020. A través da súa propia testemuña, que acompañou coa proxección de varios vídeos, a escritora e activista defendeu a necesidade de paz para todos os cidadáns do mundo.

"Hoxe máis ca nunca, cunha guerra tan presente como a que está a librar Rusia contra Ucraína, temos a obriga de non deixar caer esa loita e ese pequeno grande éxito en saco roto”, sinalou a conselleira de Política Social, en referencia ao legado de Nadia Ghulam, ferida aos 8 anos a causa de guerra e quen se fixo pasar por un home durante 10 anos para poder traballar e levar comida á súa irmá e nai, que o tiñan prohibido por ser mulleres.

Vítimas da guerra

Fabiola García lembrou que Galicia “sempre tivo, ten e terá os brazos abertos para acoller a todos aqueles que soñen e traballen pola paz e a xustiza. Por iso, Galicia quere agradecer a coraxe e os valores de Nadia, cuxos principios serven como exemplo para toda a sociedade galega”. Ademais, insistiu en que a Comunidade galega porá todos os recursos á súa disposición para acoller as vítimas da guerra, se libre en Afganistán ou en Ucraína.

Por iso vén de poñer 1.400 prazas a disposición do Goberno central para acoller refuxiados ucraínos, así como 432 camas en hospitais para os que precisen atención sanitaria, e mesmo os recursos ao seu alcance para os menores do sistema de protección ucraíno.
 

Imaxes relacionadas