A Xunta aproba unha modificación puntual do PXOM da Peroxa para habilitar solo destinado a construír vivendas protexidas

Trátase da cuarta revisión do planeamento urbanístico impulsada polo Concello desde 1999 e con ela, pretende responder á demanda deste tipo de inmobles no municipio

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia acaba de aprobar a cuarta modificación puntual do PXOM da Peroxa para permitir a construción de vivendas protexidas nun ámbito cunha superficie que abrangue case 2.000 metros cadrados.

A revisión do planeamento urbanístico foi promovida polo Goberno local no seu día co obxectivo de responder á demanda de vivenda protexida existente no municipio e habilitar algunha parcela municipal destinada a tal fin.

A modificación afecta a dúas fincas propiedade do Concello e localizadas ao sur do núcleo urbano do municipio, máis concretamente entre a estrada Ourense-Os Peares e o viario local que vai cara ao núcleo rural da Peroxa Vella. Segundo o PXOM, este ámbito está clasificado como de solo urbano consolidado polo que lle resulta de aplicación a ordenanza municipal que prevé no mesmo construcións residenciais illadas.

Para facer viable a edificación de vivendas protexidas nesta zona a revisión do PXOM supón cambiar esta ordenanza por outra, creada de forma específica para estas dúas parcelas. Isto implica un aumento da edificabilidade de 0,4 m2/m2 a 0,5 m2/m2 o que, na práctica, permitirá pasar de 792 m2 construídos a 894 m2 de uso residencial en ringleira.

A proposta de aprobación definitiva ditada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo prodúcese apenas dous meses despois de que o pleno da Peroxa aprobara provisionalmente o cambio do PXOM e permitirá habilitar o ámbito incluído na mesma para a proxección de vivendas protexidas.

Deste xeito, o Goberno galego dá por concluído o seu papel na tramitación desta modificación urbanística, a cuarta promovida polo Concello da Peroxa desde a aprobación do PXOM en 1999. O único paso pendente agora será a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, unha vez que a Xunta a inscriba de oficio no Rexistro de planeamento urbanístico de Galicia.

Imaxes relacionadas