A conselleira de Política Social visitou un dos centros que Pequerrechos ten en Santiago de Compostela

Fabiola García destaca que as familias galegas aforran de media 1900 euros ao ano por neno grazas á gratuidade das escolas infantís

Desta medida xa se benefician os segundos fillos e seguintes desde abril de 2020 e a partir de setembro ampliarase tamén aos primeiros

A Xunta de Galicia continuará apostando pola educación de 0 a 3 anos cun plan de formación destinado aos profesionais das escolas, que permitirá actualizar, mellorar e innovar os proxectos educativos e ofrecer un servizo de maior calidade

 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe que as familias galegas aforran de media 1900 euros ao ano por neno grazas á gratuidade nas escolas infantís que implantou a Xunta de Galicia hai dous anos para segundos e sucesivos fillos, e que a partir de setembro se aplicará tamén aos primeiros. Fíxoo nunha visita a unha das escolas infantís que Pequerrechos ten en Santiago de Compostela.

Fabiola García sinalou que Galicia é a única comunidade en España na que xa se aplica a gratuidade na atención educativa infantil, da que desde o vindeiro curso se poderán beneficiar todas as nenas e nenos en todas escolas infantís, independentemente da súa titularidade. Deste xeito, o Goberno galego investirá este ano máis de 30 millóns de euros para que máis de 30.000 familias teñan gratis a atención educativa nas escolas infantís.

A conselleira de Política Social subliñou, neste sentido, que estes centros representan un servizo imprescindible para a conciliación das familias e tamén para o desenvolvemento dos nenos. Os tres primeiros anos de vida son de grande importancia, xa que neste período é cando os pequenos aprenden a controlar o seu corpo, a interactuar coa súa contorna e a desenvolver habilidades cognitivas.

Por esta razón, Fabiola García salientou que o compromiso de Galicia coa educación de 0 a 3 anos non remata coa gratuidade, e explicou que o Goberno galego seguirá reforzando esta etapa cun plan de formación destinado aos profesionais das escolas, que permitirá actualizar, mellorar e innovar os proxectos educativos e ofrecer un servizo de maior calidade.
 

Imaxes relacionadas