A Xunta adxudica seis vivendas de promoción pública en Vilagarcía, Ribadumia, O Porriño e Vila de Cruces

O delegado territorial, Luis López, presidiu o sorteo celebrado, entre 204 candidatos, na Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo e anunciou a axilización dos trámites administrativos para que poidan acceder aos inmoblesno prazo máis curto

Estas vivendas sitúanse no Bosque dos Desamparados da capital do Salnés, dúas no poboado mineiro de Fontao, outras tantas na capital da comarca de Louriña e a restante no municipio de Ribadumia

Pontevedra, 22 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, adxudicou esta mañá por sorteo seis vivendas de promoción pública nos municipios pontevedreses de Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, O Porriño e Vila de Cruces.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial da Consellería, José Manuel González, e do notario Víctor Manuel Vidal, presidiu o sorteo celebrado na Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) entre os 204 candidatos que cumprían os requisitos da resolución de inicio e figuran no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.

O representante autonómico trasladou os parabéns aos afortunados e informou de que, tras a validación do acto de hoxe, axilizaranse ao máximo os trámites administrativos para que poidan acceder aos seus novos fogares, en réxime de alugueiro ou de arrendamento con opción de compra, no prazo máis curto.

Os beneficiarios do sorteo foron María Teresa Salieto Rosales para a vivenda en liza no Bosque dos Desamparados de Vilagarcía de Arousa, Gimena Barragán Vasconcellos para a casa de tres dormitorios no municipio de Ribadumia, María Susana Alonso Alonso para a vivenda de 1-2 dormitorios e Adolfo Lorenzo González para a de 3-4 dormitorios no Concello do Porriño, e Vanesa López Cortiñas e Luis Iglesias Blanco para as dúas casas baleiras situadas no poboado mineiro de Fontao, no municipio de Vila de Cruces.

Axudas da Xunta para vivenda

Por outra banda, o delegado territorial informou, ao remate deste sorteo, de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten abertas ou vai abrir ao longo deste ano unha trintena de liñas de axudas e de programas de incentivos para facilitar a compra, residencia en réxime de alugueiro ou rehabilitación de inmobles cun orzamento de máis de 150 millóns de euros.

Estas achegas, que están a ser explicadas a axentes políticos, sociais e do sector por todas as comarcas galegas no marco dos encontros informativos #ConstruíndoFogar, oriéntanse a particulares, concellos, promotores e comunidades de propietarios.

“A Xunta está a facer un gran traballo para facilitar o acceso á vivenda, tanto con adxudicacións como a de hoxe, que benefician principalmente a colectivos con maiores dificultades por cuestións de idade, renda ou situación social, como coas diversas liñas de axuda que abranguen practicamente todos os aspectos, réxime e cidadáns”, manifestou o representante autonómico.

Imaxes relacionadas