Galicia demanda ao Goberno central medidas urxentes para paliar a crise actual e garantir a viabilidade das empresas da cadea mar-industria

A Xunta e a Confederación Mar-Industria Alimentaria coinciden na necesidade de que España adopte decisións inmediatas para reducir os prezos da enerxía ao igual que fixeron outros países como Francia, Irlanda ou Portugal no caso dos combustibles

O Executivo galego advirte de que o sector non pode esperar ata o 29 de marzo para recibir axuda ante o risco de que para entón algunhas empresas sexan insalvables

A comunidade pide ao Goberno central que se sente a negociar coas asociacións de transportistas para poñer fin a unha folga do transporte que está a paralizar boa parte da actividade industrial e agroalimentaria de Galicia, incluído o sector primario

A conselleira lembrou que os custos enerxéticos están moi por enriba dos rexistrados hai un ano, o que complica a actividade de conserveiras ou depuradoras, entre outras
 

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes da Confederación Mar-Industria Alimentaria para avaliar a situación do sector ante a escalada de prezos dos combustibles, a folga do transporte e as consecuencias económicas da guerra en Ucraína. Nela as partes constataron a necesidade de que o Goberno central -ao igual que fixeron outros países da Unión Europea- adopte medidas urxentes para facer fronte a unha situación que pon en risco a viabilidade de moitas empresas do sector marítimo-pesqueiro.

A titular de Mar trasladou o compromiso da Xunta de traballar da man do sector co obxectivo de acadar solucións a curto, medio e longo prazo tanto nas cuestións que son de competencia autonómica como naquelas que teñen que ver co Executivo do Estado. Neste sentido, lembrou que outros países como Francia xa baixaron 35 céntimos o litro de combustible, unha medida que tamén podería aplicar España. “Non podemos esperar ata o 29 de marzo porque ao mellor ese día as empresas non teñen posibilidade de seguir subsistindo, polo que é urxente unha decisión sobre o IVE do combustible ou calquera outra medida equivalente”, aseverou Rosa Quintana.

A representante do Executivo galego recordou que este problema dos prezos dos carburantes derivou nunha folga que mantén paralizada boa parte da actividade industrial e agroalimentaria -incluído o sector primario- de Galicia, polo que instou ao Goberno central a sentarse con todos os representantes do transporte de mercadorías para buscar unha solución o antes posible. “A ninguén se lle ocorre bloquear un país sen motivo e se as súas empresas non estivesen en risco, como nos trasladaron as asociacións de transportistas coas que nos temos reunido”, subliñou a conselleira.

A titular de Mar destacou que a economía se atopa nunha tormenta perfecta que asfixia ás empresas galegas como consecuencia da escalada constante dos prezos da enerxía, da folga do transporte e da guerra en Ucraína. Neste sentido, lembrou que os custos enerxéticos están moi por enriba dos niveis marcados hai un ano, o que complica a actividade do complexo mar-industria galego, con empresas como as conserveiras ou as depuradoras cun elevado consumo enerxético.

“Por iso estamos a colaborar na busca de solucións, dado que o sector ten moitísima importancia para Galicia, tanto económica como social. Imos seguir exixindo que o Goberno central reciba o antes posible ao sector e que adopte medidas con efectos inmediatos como teñen feito Francia, Irlanda, Portugal ou Polonia. España non pode quedar atrás”, concluíu a conselleira do Mar.

Reunión coa frota

Esta reunión engádese á mantida a semana pasada coas entidades representativas da frota pesqueira galega co obxectivo de analizar a situación do sector e estudar posibles medidas de apoio para que poida manter a súa actividade e desenvolvela de xeito rendible. Neste sentido, a Xunta xa anunciou que vai compensar aos profesionais do mar o pago das taxas nos portos de titularidade autonómica durante alomenos dous meses co obxectivo de facer fronte á suba dos custos de produción e ás dificultades derivadas do encarecemento dos combustibles, da folga do transporte e da guerra en Ucraína.

Neste sentido, Galicia xa demandou ao Goberno central a adopción de medidas inmediatas como a posibilidade de rebaixar -de xeito xeneralizado, non exclusivamente á pesca- o IVE dos hidrocarburos ata situalo no tipo reducido ou superreducido. Neste sentido, a comunidade propón que o Executivo do Estado eleve unha consulta á Unión Europea sobre a posibilidade de aplicar esta medida, que tería un efecto inmediato dado que os impostos supoñen arredor da metade do prezo dos combustibles.
 

Imaxes relacionadas