O director do Instituto de Estudos do Territorio, acompañado do alcalde, visitou hoxe a Casa do Concello tras a intervención realizada no edificio grazas á subvención autonómica

A Xunta subliña a aposta polo fermosismo do concello do Pino, que recibiu unha axuda de 24.000 € para mellorar o aspecto exterior da Casa Consistorial

Enrique de Salvador salienta o compromiso de entidades locais e particulares coa protección da paisaxe e avanza que o IET está analizando as solicitudes recibidas este ano

O Pino (A Coruña), 21 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia subliñou hoxe a aposta do Concello do Pino por implantar a cultura do fermosismo neste municipio, un obxectivo no que se enmarca a intervención executada recentemente sobre a fachada da Casa Consistorial grazas a unha axuda de 24.000 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

No marco dunha visita ao edificio do Concello, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, felicitou ao alcalde, Manuel Taboada, pola actuación levada a cabo e por aproveitar a primeira convocatoria da orde de axudas para corrección de impactos paisaxísticos en edificios, dependencias e equipamentos públicos municipais.

En concreto, a intervención acometida na sede consistorial consistiu no adecentamento da fachada principal, sobre a que se levaron a cabo tarefas de repintado e limpeza co fin de renovar e mellorar a súa imaxe exterior.

Tras lembrar o “éxito” co que se saldou a convocatoria destas axudas en 2021 —esgotando os 800.000 euros dispoñibles—, o director do IET salientou que grazas a este programa a Xunta axudou xa a 66 concellos a “protexer a paisaxe” da súa contorna, corrixindo ou mitigando os efectos causados por unha deficiente conservación ou polo paso do tempo en determinados inmobles, edificios e equipamentos de titularidade municipal.

Neste sentido, explicou que no marco da orde de axudas para corrección de impactos paisaxísticos dirixida a particulares tamén houbo dous veciños do Pino que recibiron unha subvención da Xunta —por un importe total de 6.000 euros— para executar intervencións destinadas a mellorar o aspecto exterior das súas propiedades.

Por último, avanzou que, na actualidade, o Instituto de Estudos do Territorio está a analizar as solicitudes recibidas este ano ao abeiro da segunda convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos dirixidas a concellos e a particulares.

Imaxes relacionadas