A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a secretaria xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo estiveron hoxe en Vigo no marco do foro #ConstruíndoFogar

A Xunta destinará este ano 4 M€ á liña de axudas para obras de accesibilidade en edificios residenciais

A convocatoria deste novo programa prevé subvencións de ata 21.000 € por vivenda e daralle continuidade ás axudas que desde 2019 permitiron actuar sobre 3.700 inmobles na provincia de Pontevedra

Ángeles Vázquez anima aos veciños da área metropolitana a solicitar antes do 30 de setembro os incentivos de ata 12.800 € que ofrece o IGVS para mercar a súa vivenda habitual nun centro histórico, dos que xa se beneficiaron 9 familias viguesas

Salienta o esforzo do Goberno galego por revitalizar o casco vello vigués nos últimos anos, cun investimento de máis de 29 M€ e a rehabilitación ata agora de 117 vivendas

Vigo, 21 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia destinará este ano ao redor de 4 millóns de euros a lanzar unha nova convocatoria de axudas para a mellora da accesibilidade en vivendas e edificios de uso residencial, un programa que lle dará continuidade ás axudas que nos últimos tres anos permitiron intervir sobre máis de 11.000 vivendas en toda Galicia.

Así o subliñou hoxe en Vigo a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun dos encontros informativos #ConstruíndoFogar organizados polo seu departamento e cos que seguirá percorrendo varias comarcas galegas nas vindeiras semanas para dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se convocarán ao longo de 2022.

Acompañada pola delegada territorial da Xunta na cidade, Marta Fernández-Tapias, e ante 200 representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 14 concellos da área de Vigo, Ángeles Vázquez subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas de axudas que xestionará a Consellería este ano e que permitirán poñer á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros para actuar no eido residencial.

Así, a responsable autonómica aproveitou a súa presenza na cidade que concentra a maior demanda de vivenda de toda Galicia para animar aos asistentes a aproveitar estes fondos e axudar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios.

Neste sentido e dentro do capítulo de impulso á rehabilitación residencial, explicou que proximamente o seu departamento convocará a liña de axudas para facer máis accesibles as vivendas xa construídas, con incentivos que poderán chegar a cubrir o 60% do custo da obra, cun límite de 21.000 euros por inmoble.

Cómpre lembrar que durante o período 2019-2021 a Xunta concedeu 21,5 millóns de euros en axudas para contribuír a financiar diferentes actuacións de mellora en 11.000 vivendas, 3.700 delas na provincia de Pontevedra.

De forma complementaria a este tipo de incentivos económicos, en todo caso, a Xunta seguirá impulsando actuacións directas para incrementar o actual parque público residencial, tanto pola vía da rehabilitación como da obra nova.

Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que o proxecto para construír 1.600 vivendas protexidas no barrio de San Paio de Navia acaba de dar un paso decisivo coa autorización da licitación das obras para urbanizar o polígono 1 da ampliación. Só nesta primeira fase edificaranse 733 vivendas protexidas, das que 207 serán promovidas polo propio Goberno galego cun investimento previsto de 28,5 millóns de euros e que se sumarán ás preto de 500 VPP entregadas a outras tantas familias viguesas desde o ano 2010.

Beneficiarios na área viguesa

Durante a súa intervención no foro, a conselleira animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de axudas en materia de vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado da vivenda en Vigo e a súa área de influencia.

Así, a secretaria xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, María Ángeles Domínguez, fixo unha presentación detallada dos diferentes programas que xestionará este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías das axudas e os prazos de presentación, no caso dos que xa foron publicados.

En concreto, haberá outros incentivos á rehabilitación residencial dirixidos a particulares e comunidades, como as axudas a nivel de vivenda, que se poden solicitar ata o 14 de outubro para obter ata 3.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética dos fogares, principalmente a través do cambio de ventás; ou a nova convocatoria de axudas na área de rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, que estará aberta ata o 30 de setembro e resulta de especial interese nesta área xa que o itinerario portugués, incluída a súa variante pola costa, discorre por Baiona, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela e Vigo.

No eido do alugueiro, manteranse programas xa consolidados, como as axudas ao alugueiro ou o Bono social e o Bono para vítimas de violencia de xénero, ao tempo que se empezarán a xestionar novos incentivos, como o Bono alugueiro mozo.

Así mesmo, co fin de facilitar o acceso a unha vivenda en propiedade, xa está aberto o prazo para solicitar tanto as axudas para mercar unha VPP como para a adquisición de inmobles localizados nalgún dos case medio cento de centros históricos que hai en Galicia.

Precisamente, cómpre lembrar que en convocatorias anteriores este programa tivo unha moi boa acollida entre os veciños de Vigo e os municipios do seu arredor. Así o demostran os datos, xa que nos últimos tres anos 11 familias compraron a súa vivenda habitual nun dos cascos vellos existentes nesta área —concretamente, 9 na cidade olívica, 1 en Baiona e 1 en Cangas—.

Por iso, a conselleira animou aos veciños que asistiron hoxe ao foro #ConstruíndoFogar a aproveitar as axudas de ata 12.800 euros que teñen á súa disposición para comprar vivenda e asentarse nun centro histórico, lembrando que o prazo para acollerse a este programa permanecerá aberto aínda ata o 30 de setembro.

Neste sentido, Ángeles Vázquez defendeu a necesidade de poñer en valor estas zonas das cidades e vilas galegas, espazos “cheos de historia” e cunha gran riqueza patrimonial, que grazas á rehabilitación residencial poden recuperar o seu esplendor e dinamismo.

A modo de exemplo, referiuse ao caso do casco vello de Vigo, onde subliñou que o esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos traduciuse nun investimento de máis de 29 M€ e na rehabilitación ata o de agora de 117 vivendas e 35 locais comerciais.

Por outra banda, un total de 17 familias viguesas beneficiáronse o ano pasado das axudas de ata 20.000 euros convocadas para a adquisición de vivendas de protección autonómica de réxime xeral ou especial, tanto de nova construción como rehabilitadas.

Por último, cómpre lembrar que xa está dispoñible en formato dixital a guía informativa elaborada pola Xunta sobre os programas de axudas para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar desde a páxina web do IGVS.

Imaxes relacionadas