A Xunta continúa formando aos profesionais do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais sobre a seguridade no uso de vehículos todoterreo

O obxectivo desta acción é formar aos profesionais en técnicas específicas de condución destes medios, tanto desde o punto de vista teórico como práctico

Este curso especializado estase impartindo en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), no marco do convenio asinado en 2019
 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2022

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, continúa reforzando a formación dos efectivos do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (SPIF) de Galicia mediante un curso relativo á seguridade no uso de vehículos todoterreo. Así, uns 2.500 profesionais deste dispositivo -dentro das categorías de técnicos, axentes, bombeiros forestais, condutores e oficiais mecánicos- están reforzando os seus coñecementos para unha condución segura en terreos de fortes pendentes e orografía complicada.

A través desta acción, estase a formar aos alumnos no uso da sinal V-1, circulando en servicio de emerxencias, así como instruír aos condutores de vehículos e motobombas 4x4 nas técnicas específicas de condución e capacitalos tamén para superar obstáculos (pendentes, inclinacións laterais, cruce de pontes) de forma segura e eficaz.

Este curso especializado -que se está impartindo en colaboración coa Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp)- conta cunha carga lectiva de 12 horas, a metade on line teórico-práctica e o resto de formación práctica con vehículos en zonas de monte. Esta última estase a desenvolver en grupos de 20 alumnos e distribúese por diferentes puntos do territorio galego.

O programa teórico desta acción formativa aborda aspectos como a transferencia de pesos e o centro de gravidade, as capacidades de tracción e a adherencia, as paradas de emerxencia, os descensos e ascensos pronunciados ou o paso de gabias e cunetas. Estes contidos teóricos contan con cadanseu manual e vídeo explicativo. Na elaboración destas pezas audiovisuais participan Sergio e Diego Vallejo, os pilotos galegos máis laureados, con ampla experiencia en diferentes probas todoterreo, entre elas o Dakar.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural