A IXP Pan Galego protagonizará un concurso de debuxo escolar a semana vindeira e estará presente no próximo partido entre o Club Baloncesto Ourense e o Club Ponferrada

A través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, no encontro que terá lugar o sábado 26 haberá carteis promocionais desta indicación xeográfica protexida e os asistentes recibirán unha peza de Pan Galego

No acto, terá lugar tamén a entrega de premios do concurso de debuxo que se promoverá entre os centros de educación infantil e primaria da provincia de Ourense para dar a coñecer as características deste produto distinguido con selo de calidade
 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2022

A provincia de Ourense acollerá a semana vindeira senllos actos promocionais da indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego, co obxectivo de dar a coñecer este produto amparado con selo de calidade.
Así, por unha banda, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, fará posible que a IXP estea presente no próximo encontro entre o Club Baloncesto Ourense e o Club Ponferrada, que terá lugar o sábado 26 no Pazo dos Deportes Paco Paz. Deste xeito, os asistentes recibirán cadansúa peza de medio quilo de Pan Galego e información sobre o produto. A maiores, instalarase cartelería promocional no recinto -que se manterá durante o resto da temporada deportiva-, que se sumará á presenza da IXP nas publicacións e redes sociais do propio Club Baloncesto Ourense.
Asemade, na cita deportiva producirase a entrega de premios do concurso de debuxo que se promoverá esta semana que vén entre os centros de educación infantil e primaria da provincia de Ourense, para dar a coñecer as características deste produto de calidade diferenciada.
Cabe lembrar que a IXP Pan Galego vén de presentarse de xeito oficial anunciando a súa saída ao mercado en 44 establecementos iniciais, pertencentes a 14 panadarías da comunidade. Na actualidade, séguense a tramitar máis solicitudes de inscrición, polo que en breve aumentará o número de puntos de venda autorizados. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.
Pan Galego
A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea. No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada -así mesmo- formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.
O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega.
O consumidor poderá mercar Pan Galego nos puntos de venda rexistrados na indicación xeográfica. Mentres as pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada. Ademais incluirá o logotipo da IXP e o número de serie específico na súa correspondente etiqueta.
 

Departamento:
C. do Medio Rural