O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño recupera as visitas guiadas para divulgar o seu labor tras dous anos de parón pola pandemia

O centro dependente da Consellería do Mar recibiu esta semana a un primeiro grupo de alumnas e alumnos do Centro de Estudos Superiores Aloya de Vigo e nos vindeiros días fará o propio cun segundo así como con integrantes da Sociedade Atlántica de Maricultura (Satmar) de Francia

O instituto, constituído como un referente a nivel mundial, rexistrou na última década máis de 130 visitas nas que participaron arredor de 1.300 persoas procedentes de 27 países diferentes

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 20 de marzo de 2022

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, retomou esta semana as visitas guiadas despois de dous anos de suspensión debido á alerta sanitaria provocada pola covid-19.

Fíxoo cun primeiro grupo de alumnas e alumnos do Centro de Estudos Superiores Aloya de Vigo, que durante a súa estadía puideron coñecer os labores que leva a cabo o Intecmar en materia de seguimento, control e investigación da calidade ambiental das augas costeiras de Galicia. Os responsables do centro fixeron fincapé de xeito especial no que se refire ás condicións oceanográficas, fitoplancto, biotoxinas mariñas, microbioloxía, patoloxía de moluscos, contaminación química, oceanografía operacional e loita contra a contaminación mariña accidental.
A esta ruta guiada polas instalacións do centro en Vilagarcía de Arousa seguiranlle outras nos vindeiros días como a protagonizada por un segundo grupo do centro de formación Aloya ou a que realizarán integrantes da Sociedade Atlántica de Maricultura (Satmar) de Francia, co que se suman ás máis de 130 visitas que recibiu o Intecmar na última década e das que participaron máis de 1.300 persoas procedentes de 27 países diferentes.
Constituído como un centro punteiro e referente a nivel mundial nos seus ámbitos de actividade, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia realiza cada ano máis de 80.000 análises para garantir a calidade e salubridade dos produtos do mar galego. De feito, o seu labor foi clave durante a declaración do estado de alarma pois as súas funcións foron esenciais para contribuír ao abastecemento de moluscos, fundamentalmente mexillón, con todas as garantías hixiénico-sanitarias.

Imaxes relacionadas